Estás en:Novas

A Deputación financia con 81.000 euros a segunda fase das obras de mellora da contorna do local social de Nantón, en Cabana de Bergantiños

As obras, incluídas no Plan Único, suporán a creación dunha área de esparexemento e zonas axardinadas con árbores froiteiras autóctonas nunha parcela cedida polo arcebispado ao Concello e sen uso na actualidade

A Deputación financia con 81.000 euros a segunda fase das obras de mellora da contorna do local social de Nantón, en Cabana de Bergantiños

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+2018) financia con 81.286,46 euros a segunda fase das obras de mellora do entorno do local social de Nantón, en Cabana de Bergantiños.

Este proxecto, que vén de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público, é unha das cinco obras que o POS+2018 financia no municipio, cunha achega total de 732.022 euros e suporá a continuidade do proxecto de adecuación do entorno do citado local social, transformado unha parcela cedida polo arcebispado, cuberta de maleza e sen ningún tipo de uso, nunha zona de esparexemento para os veciños da zona e os usuarios do centro.

Explanada polivalente e xardíns con froiteiras propias da zona

As obras inclúen a creación dunha explanada polivalente que permita o seu uso como zona de campo da festa, espazo para actividades lúdicas e culturais e aparcadoiro (moi necesario debido á proximidade do cemiterio lindeiro).

Asemade, crearase unha zona axardinada, unha vía de acceso interior á explanada e levarase a cabo a rehabilitación de diversos elementos arquitectónicos da zona coma o muro de cachotería , o pombal e o pozo artesán que subministraba auga á reitoral existente na zona.

Esta segunda fase contempla a adecuación da parte alta da parcela (a parte baixa, máis chá, xa se levou a cabo na primeira fase) coa definición de diversas zonas axardinadas que permitan unha axeitada integración do resto de elementos desta actuación.

Estas zonas disporanse con céspede, árbores froiteiras propios da zona (ameixeiras, figueiras, limoeiros, maceiras, pereiras...) que doten á parcela dun carácter similar ás tradicionais "hortas do cura" e espazos onde os usuarios podan desfrutar do tempo de lecer e do entorno, que contarán con pavimento de lastro  granito con céspede.

243 millóns para financiar 1.146 obras nos concellos

Cun investimento histórico que xa supera os 243 millóns de euros no período 2017-2019, o POS+ financia actualmente 1.146 obras de mellora de infraestruturas nos 93 concellos da provincia, entre as que se atopan proxectos de humanización e recuperación de rúas e espazos públicos, creación de xardíns e zonas verdes, construción de parques infantís, mellora de instalacións deportivas, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou instalación de novos sistemas de alumeado público.

O Plan Único adáptase ás necesidades dos concellos, pois permite que sexan os propios municipios os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que lles achega a Deputación. Ademais, permite destinar parte dos fondos a amortizar a débeda municipal, pagar facturas pendentes ou financiar parte do gasto corrente de servizos básicos municipais coma o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria.

Páxinas suxeridas