Estás en:Novas

Máis de 5.000 persoas participaron xa no programa contra a violencia de xénero "Quen dixo medo?" da Deputación da Coruña

Máis de 5.000 persoas participaron xa no programa contra a violencia de xénero

Máis de cinco mil persoas persoas, maiormente público infantil e xuvenil, participaron xa no programa "Quen dixo medo?" co que a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña quere contribuír a concienciar contra a violencia machista. Cando remate o programa, de dúas anualidades, o programa terase achegado a máis de seis mil persoas.

Un total de 2.407 persoas, en especial alumnado de centros de ensino, participaron xa na segunda anualidade do programa "Quen dixo medo?" que a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña iniciou o pasado ano e que, en total, chegou xa, de forma directa, a 5.432 persoas a través das distintas actividades encamiñadas, de maneira especial, para nenos e nenas e mozas e mozos.

A deputada e responsábel da área de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, destaca que "este programa, que chegará no seu fin en marzo a máis de seis mil participantes está a ter unha grande acollida e responde á necesidade e urxencia de concienciar a alertar sobre a violencia machista".

A campaña "Quen dixo medo?" da Deputación da Coruña está integrada por un total de seis actividades, entre as que se poden distinguir sesións informativas, charlas e obradoiros. Cada unha destas accións procura concienciar e sensibilizar á sociedade sobre a violencia machista e, pese a estaren a maior parte delas deseñadas para o público infantil e xuvenil, tamén inclúen actividades destinadas a poboación adulta.

Na primeira das anualidades, o programa chegou a 3.025 persoas en 33 concellos da provincia con 149 accións formativas. A segunda das anualidades rematará no mes de marzo e, até o momento suma xa 2.407 participantes en actividades que se desenvolven en 24 concellos cun total de 112 sesións executadas, delas 106 en centros de ensino. A previsión é que, ao rematar, esta segunda etapa se completen máis de seis mil persoas no total da acción.

"O programa é unha das moitas accións destinadas a concienciar á xente nova contra a violencia machista, con outras como o concurso de guións ou o de viñetas que fan que nos centros de ensino se debata e se avance nunha sociedade máis igualitaria", explica Ánxela Franco. "Quen dixo medo?" inclúe contacontos e obradoiros de manualidades destinados ao alumnado de educación infantil, as sesións coeducativas "Sen violencia, sen medo" para as nenas e nenos de educación Primaria, ou as charlas "Nas TIC mandas ti" e "Escoita o meu son" para as mozas e mozos en idade adolescente, que están a servir para detectar comportamentos estereotipados, acoso nas redes sociais, violencia psicolóxica, bullying, etc...

O programa organizado pola área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Deputación da Coruña complétase con charlas sobre afectividade e sexualidade e obradoiros formativos sobre diferentes técnicas de autodefensa abertos a todas as idades. A campaña Quen dixo medo? botou a andar o pasado mes de marzo de 2017, co obxectivo de concienciar a poboación infantil, xuvenil e adulta -dos concellos de menos de 20.000 habitantes- arredor de violencia machista.

Páxinas suxeridas