Estás en:Novas

A Deputación inviste 138.000 euros na ampliación da Ponte de Santa Eufemia e a construción de beirarrúas na contorna da Casa do Concello de Trazo


González Formoso destaca que as obras, incluídas no Plan Único, suporán a eliminación dun punto negro e a mellora da seguridade peonil na contorna co colexio público de Viaño Pequeño

Ambas obras veñen de saír a licitación e inclúen tamén a mellora de camiños municipais en Sartegos e Ventas de Lengüelle

A Deputación inviste 138.000 euros na ampliación da Ponte de Santa Eufemia e a construción de beirarrúas na contorna da Casa do Concello de Trazo

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+2018) investirá preto de 138.000 euros nas obras de ampliación da ponte de Santa Eufemia e a construción de beirarrúas no entorno da Casa do Concello de Trazo.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, afirmou que as obras, que acaban de saír a licitación pública na Plataforma de Contratación do Estado, "suporán importantes melloras da seguridade viaria no municipio, ao eliminar dous puntos con alto risco de accidentes".

Ampliar en 4 metros o ancho da ponte

No caso da ponte de Santa Eufemia porque o viaduto ocasiona un estreitamento da calzada o que, unido á posterior curva pechada á dereita en sentido Breixo a Pedrouzo e ao xeo que no inverno se acumula sobre o firme representa un perigo para o tráfico, nun punto onde xa se ten producido a saída da calzada de varios vehículos e nunha ocasión do autobús escolar.

As obras do Plan Único provincial permitirán anchear a ponte existente en catro metros mediante un marco de formigón prefabricado que permitirá igualar o ancho da estrada en todo o tramo e permitirá o paso de dous vehículos simultaneamente en condicións de seguridade.

Melloras no acceso peonil á escola e o polideportivo

Outras das obras financiadas pola Deputación contribuirá a mellorar a seguridade peonil no tramo que conecta a Casa do Concello co polideportivo e o colexio público de Viaño Pequeño, onde existen actualmente unhas beirarrúas de un metro de ancho que resultan insuficientes e que obrigan aos escolares e acompañantes a circular en moitas ocasións pola beira da calzada, co perigo que isto implica.

Para evitar isto ampliaranse as beirarrúas a 2 metros de ancho. As novas beirarrúas estarán formadas por 15 cm zahorra artificial compactada e 10 cm de formigón con mallazo coloreado. No tramo que vai da Casa do Concello ao colexio non existe beirarrúas, polo que se executará conforme a estas características.

Pavimetacións en Sartegos e Ventas de Lengüelle

A Deputación financia tamén as obras de pavimentación e mellora do firme dun camiño en Sartegos de 2,2 quilómetros, cuxo firme actual está moi deteriorado polo efecto das augas de escorrentía.

En Ventas de Lengüelle tamén se executará un reforzo do firme nun tramo de preto de un quilómetro de lonxitude.

Páxinas suxeridas