Estás en:Novas

Goretti Sanmartín presenta a obra da escritora Ana Lena Rivera, gañadora do Torrente Ballester

O acto terá lugar o día 7 de febreiro ás 19:00 na Biblioteca Provincial da Coruña

Goretti Sanmartín presenta a obra da escritora Ana Lena Rivera, gañadora do Torrente Ballester

A vicepresidenta e deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, acompañará á escritora Ana Lena Rivera na presentación da súa primeira novela, "Lo que callan los muertos" (Maeva), gañadora do Premio Torrente Ballester en español. Ademais, participarán no acto o xornalista e membro do xurado do premio, Ramón Rozas e a editora Mathilde Sommeregger. O acto terá lugar o día 7 de febreiro ás 19:00 horas.

"Lo que callan los muertos", da escritora asturiana Ana Lena Rivera, será presentado este xoves día 7 de febreiro ás 19:00 na Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña (Rúa Rego de Agua, A Coruña), organizadora do Premio Torrente Ballester que a autora gañou na anterior edición. O xurado do certame, do que formou parte o xornalista Ramón Rozas que participará na presentación, destacou a "naturalidade expresiva" da novela de Ana Lema Rivera, e a súa "linguaxe fresca e contemporánea ademais dunha grande habilidade á hora de construír espazos cotiáns".

Ana Lena Rivera naceu en Oviedo en 1972 e estudou Dereito e Administración de Empresas en ICADE, en Madrid. Despois de vinte anos como directiva nunha gran multinacional, cambiou os negocios pola escritura, a súa grande paixón, coincidindo co nacemento do seu fillo, Alejandro. Canda el naceu tamén Gracia San Sebastián, a investigadora protagonista da súa serie de intriga.

A novela "Lo que callan los muertos" narra unha historia de misterio ambientada en Oviedo e protagonizada por unha investigadora de fraudes. Gracia San Sebastián renunciou a unha exitosa carreira laboral en Nova York e regresou xunto ao seu home, Jorge, ao seu Oviedo natal para exercer de investigadora de fraudes á Seguridade Social. O caso que a ocupa está relacionado co cobro da pensión dun militar que sobrepasa os cento doce anos, cifra moi sospeitosa.