Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste 210.625 euros na reforma integral da rúa Gándara, no centro de Boimorto


As obras incluirán a construción de novas beirarrúas, a pavimentación do firme e a instalación de novo mobiliario urbano na principal travesía da localidade

O Plan Único da Deputación inviste  210.625 euros na reforma integral da rúa Gándara, no centro de Boimorto

A Deputación da Coruña, a través do Plan Único (POS+2018) investirá 210.625 euros no financiamento das obras de reforma integral da rúa Gándara, a principal vía do centro urbano de Boimorto, onde se concentran numerosos servizos coma entidades bancarias, supermercado, farmacia, centro de saúde, cuartel da Garda Civil e establecementos de hostalería.

As obras, que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, incluirán a demolición das actuais beirarrúas e a construción dunhas novas, cun ancho de 1,80 metros e lastro de formigón coloreado na superficie, así coma a pavimentación do firme do vial con mestura bituminosa en quente.

Tamén se inclúe a instalación de 31 novas columnas de aceiro galvanizado de 4 metros de altura para o soporte do alumeado público, cuxo cableado irá soterrado a través dunha nova canalización, a instalación de papeleiras de cubeta cilíndrica e de bancos, así como a instalación de tres novas marquesiñas de aceiro inoxidable.

"As obras suporán unha importante remodelación estética e funcional dunha principais travesías da localidade, onde se concentran numerosos servizos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou "a utilidade" do plan para que os concellos poidan acometer determinadas obras que contribúen a mellorar a vida da veciñanza que non poderían asumir sen o apoio económico da Deputación.

A reforma da rúa Gándara é o principal investimento do POS+2018 da Deputación no municipio, onde ademais financia outras obras de mellora de infraestruturas públicas como o abastecemento de auga a Sendelle (campo de fútbol e igrexa de Piñeiro) con 59.675 €, e a reforma e pavimentación de viais e camiños rurais en Saamil, Vilanova, Piñeiro, Arosa e Ribeiro, cun investimento de máis de 140.000 euros.

243 millóns para financiar 1.146 obras nos concellos

Cun investimento histórico que xa supera os 243 millóns de euros no período 2017-2019, o POS+ financia actualmente 1.146 obras de mellora de infraestruturas nos 93 concellos da provincia, entre as que están os proxectos de humanización e recuperación de rúas e espazos públicos, creación de xardíns e zonas verdes, construción de parques infantís, mellora de instalacións deportivas, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou instalación de novos sistemas de alumeado público.

O Plan Único adáptase ás necesidades dos concellos, pois permite que sexan os propios municipios os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que lles achega a Deputación. Ademais, permite destinar parte dos fondos a amortizar a débeda municipal, pagar facturas pendentes ou financiar parte do gasto corrente de servizos básicos municipais coma o alumeado público, a recollida de lixo ou a limpeza viaria.

Páxinas suxeridas