Estás en:Novas

A Deputación presenta no Concello da Coruña o Plan de Acción de Servizos Sociais

A deputada Ánxela Franco reúnese coas concelleiras Rocío Fraga e Silvia Cameán

A Deputación presenta no Concello da Coruña o Plan de Acción de Servizos Sociais

A deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, reuniuse esta mañá coa concelleiras da Coruña responsábeis das áreas de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán xunto cos seus respectivos equipos técnicos para poñer en común o Plan de Acción de Servizos Sociais que está a elaborar a Deputación da Coruña ademais de distintas vías de colaboración institucional da área.

O proceso de posta en común cos concellos do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña avanza con xuntanzas nas cidades, despois de visitar as distintas comarcas no encontro con persoal técnico e político municipal. O concello da Coruña acolleu esta mañá a xuntanza en que participaron a deputada, Ánxela Franco, e as concelleiras Rocío Fraga e Silvia Cameán ademais dunha ampla representación dos equipos técnicos das áreas das dúas institucións.

Na reunión, Ánxela Franco deu conta da elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais, iniciado o pasado mes de marzo, como un proceso participativo que quixo contar con representantes do ámbito político e técnico municipal ademais das entidades que están a traballar no sector dos servizos sociais. Ademais, analizáronse distintos programas das políticas de benestar social da Coruña e estudáronse posíbeis liñas de colaboración con respecto de iniciativas como o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención a persoas máis necesitadas, con vista tamén a transferir coñecementos a concellos máis pequenos, cos que a Deputación da Coruña traballa directamente.

"Como noutras xuntanzas quixemos explicar o resultado do proceso en que participaron xa máis de 200 persoas en mesas de traballos comarcais e que contou tamén coa opinión e a información de entidades e colexios profesionais e que, ao noso ver, será unha ferramenta de especial relevancia no sector", sinalou a deputada Ánxela Franco.

Por parte da Deputación participaron na xuntanza ademais da deputada Ánxela Franco xunto coas xefas de servizo e xefa de sección de Servizos Sociais da Deputación, Mercedes Fernández-Albalat Carolina Buhigas, a técnica Paula Filgueiras e o coordinador do Plan de Acción, Manuel Pérez.

O Plan de Acción de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" busca coñecer a realidade social dos concellos da Coruña para elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión de recursos.
A deputada Ánxela Franco destaca que o plan suporá un antes e despois no ámbito dos servizos sociais xa que permitirá optimizar os recursos existentes no territorio. "Para realizar ben a xestión dos investimentos, debemos coñecer o territorio primeiro", sinala a deputada que está a facer unha segunda rolda de xuntanzas comarcais e nas cidades co obxectivo de "compartir información entre as administracións para que as ferramentas sexan útiles e os recursos cheguen á xente que máis o necesita".
Coñecer a realidade das entidades sociais a nivel local e comarcal, identificar as súas necesidades e as da cidadanía, definir liñas de actuación e cooperación entre entidades públicas e privadas, e avaliar as propostas que acheguen os diferentes axentes do tecido social da provincia son algúns dos obxectivos do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña que conta cun orzamento de 83.000 euros e ten no proceso participativo un dos seus eixos centrais. "Propuxémonos falar con cada un dos concellos, asociacións e entidades sociais para coñecer as súas preocupacións, as necesidades e as fortalezas e é o que levamos facendo xa desde o anuncio do proxecto do plan o pasado mes de marzo", apuntou Ánxela Franco.