Estás en:Novas

A Deputación da Coruña adaptará a transmisión dos plenos á lingua de signos

A área de Igualdade e Servizos Sociais avanza en accesibilidade coa colaboración da Federación de Asociacións de Persoas Xordas

A Deputación da Coruña adaptará a transmisión dos plenos á lingua de signos

A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, reuniuse coa directiva da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galiza para chegar a acordos para avanzar na accesibilidade da comunicación da Deputación da Coruña para persoas con perda auditiva. En concreto, na xuntanza comezouse a traballar na tradución dos plenos a lingua de signos.

"Desde a área de Igualdade e Benestar Social existe unha preocupación evidente porque a Deputación da Coruña sexa accesíbel para todas as persoas e niso traballamos desde o programa DiCoruna Accesible e, neste sentido, queremos que as persoas con problemas auditivos teñan iguais oportunidades para recibir a retransmisión de actos en igualdade", destaca Ánxela Franco.

Na xuntanza con parte da directiva da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia que tivo lugar na sede da Deputación da Coruña, estudáronse distintas vías de colaboración co fin de adaptar a comunicación á linguaxe de signos por medio de intérpretes profesionais. En primeiro lugar, estudouse que a transmisión dos propios plenos por streaming inclúan o subtitulado e a tradución na propia pantalla á lingua de signos co fin de facelos accesíbeis a persoas xordas.

Desde a Federación de Asociación de Persoas Xordas convidan a inclusión do servizo de tradución na comunicación institucional para chegar a máis xente, mostrar compromiso coa igualdade e optimizar os contidos a través do subtitulado e a interpretación ao vivo.

"Nos actos públicos da área de Igualdade e Benestar Social incluímos criterios de accesibilidade pero, como comprobamos co programa Di Coruña Accesible, queda aínda moito por facer e temos que comezar a construír unha igualdade real que inclúa a todas as persoas", defende Ánxela Franco.