Estás en:Novas

A Deputación da Coruña programa unha nova xornada de Malas Linguas para "activar falantes"

O día 1 e marzo terá lugar en Santiago de Compostela o encontro sobre a transmisión non familiar da lingua

A Deputación da Coruña programa unha nova xornada de Malas Linguas para

O programa "Malas Linguas" desenvolverá a súa terceira xornada en Santiago de Compostela para abordar o tema da transmisión non familiar da lingua. O vindeiro día 1 de marzo especialistas e iniciativas participarán nun programa que analizará distintas fórmulas "activar falantes no século XXI"

"Malas Linguas: activando falantes no s. XXI" é o título do programa que a área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña organiza co obxectivo de reflexionar, debater e dar pasos adiante no proceso de normalización do galego que chega a súa terceira xornada que se centrará na transmisión non familiar da lingua. Desta volta, o programa terá lugar o vindeiro día 1 de marzo no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago de Compostela.

Despois das dúas primeiras xornadas que se achegaron ás políticas públicas arredor da lingua e á transmisión familiar, Malas Linguas chega ao seu terceiro encontro cun programa centrado na transmisión non familiar da lingua e nos procesos de activación e falantes con especial atención para a mocidade.

"Consideramos que no debate desta terceira xornada están algunhas das chaves e ferramentas fundamentais para a normalización lingüística xa que sabemos, pomos por caso, da influencia que o contexto educativo ten no uso do galego nas primeiras idades, nas que, como estamos a ver se está a perder a transmisión e nas que nos xogamos o futuro do galego", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

Deseñar políticas de intervención útiles, analizar os prexuízos ou tópicos que están a operar na mocidade e ofrecer ferramentas eficaces para a transmisión non familiar na lingua son algúns dos obxectivos desta terceira xornada que inaugurará ás 10:00 Goretti Sanmartín Rei nun programa que se iniciará coa exposición do proxecto das Escolas Semente e continuará cunha mesa en que se debata arredor das actitudes e percepcións sobre a lingua da mocidade galega hoxe en que participarán a profesora da Universidade de Deusto, Estibaliz Amorrortu; o profesor e investigador Miguel R. Carnota e a profesora da Universidade de Heiot-Watt, Bernadette O'Rourke.

A profesora Pilar Ponte achegará a seguir a súa experiencia para nos dotar de "argumentos para o galego" como un marco teórico para a activación de falantes para pechar a xornada coa dimensión práctica do tema cun encontro de experiencias inspiradoras coa participación do presidente da Federación de Ikastolas-Ikastolen, Koldo Tellitu, a presidenta da ANPA CEIP Paraixal, Rute Palhares e o filólogo e escritor, Paco Esteve i Beneito.