Estás en:Novas

A Deputación ofrece ao Ministerio de Industria colaboración para implantar unha oficina de información e dinamización dos fondos REINDUS na comarca de Ferrol

González Formoso reuniuse coa ministra Reyes Maroto e trasladoulle a necesidade de modificar as bases do programa para que se axuste ás necesidades reais do tecido industrial

A Deputación ofrece ao Ministerio de Industria colaboración para implantar unha oficina de información e dinamización dos fondos REINDUS na comarca de Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse o pasado martes coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, coa que abordou diversas cuestións referentes ao ámbito industrial nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

González Formoso ofreceu á ministra a colaboración da institución provincial para implantar na comarca unha oficina de información, xestión e dinamización dos fondos REINDUS "que permita que estes incentivos ao investimento industrial sexan coñecidas polo sector e cumpran o seu cometido de impulsar a creación e o desenvolvemento de proxectos industriais solventes na zona, axudando así á xeración de emprego".

Ambos dirixentes abordaron a problemática do denominado Plan Ferrol que, a pesar de estar dotado cunha importante cantidade económica anual de máis de 40 millóns de euros, apenas contou con solicitudes nos últimos anos.

González Formoso trasladou á ministra a necesidade de modificar as bases do programa Reindus en 2019 para mellorar a súa eficiencia, de forma que as axudas "se axusten ás necesidades reais do tecido empresarial", rebaixando xuros e avais para que os fondos cumpran a función para a que están deseñados.

O tamén alcalde das Pontes pediu o apoio do ministerio á aposta pola diversificación industrial que se leva a cabo na localidade e destacou "o espírito emprendedor" dos ponteses, nun municipio que é "referencia industrial" en Galicia e que conta co maior complexo de produción eléctrica do Estado.

González Formoso mostrou tamén a súa preocupación ante a necesidade dun novo convenio que regule o marco laboral dos traballadores de Endesa e agradeceu as xestións do Goberno para que a compañía se sente a negociar cos traballadores proximamente co obxectivo de alcanzar un acordo satisfactorio.