Estás en:Novas

A Deputación da Coruña aposta pola economía circular na entrega do premio de investigación da Universidade de Santiago

O presidente, Valentín González Formoso, entregou o premio ao investigador Leando Javier Llorente González e destacou a súa condición de "nicho clave de actividade económica ademais da súa vertente medioambiental"

A Deputación da Coruña aposta pola economía circular na entrega do premio de investigación da Universidade de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo entrega do I Premio Internacional de Investigación en Innovación e Economía Circular a Leandro Javier Llorente González polo seu traballo "Economía circular e comercio de materiais reciclábeis na UE". Na súa intervención no acto organizado polo Máster de Desenvolvemento Económico e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, González Formoso reiterou a súa aposta pola investigación en economía circular como clave dun futuro sostíbel.

O xurado do premio destacou da investigación de Leandro Javier Llorente González a súa "actualidade, calidade e proxección de futuro". Ademais, o xurado do I Premio Internacional de Investigación en Innovación e Economía Circular, convocado polo Máster de Desenvolvemento Económico e Innovación (DEIN) da Universidade de Santiago de Compostela fixo unha mención especial para o traballo de Edurne Suárez.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, mostrou a súa satisfacción polo apoio á investigación académica en economía circular que supón, segundo afirmou na súa intervención, "un nicho clave de actividade económica para os próximos anos, máis alá da súa vertente medioambiental". Destacou tamén no acto de entrega do premio que en dúas décadas a UE pasou de depositar un 60% dos residuos en vertedoiros a algo máis do 20% ao tempo que lamentou que en Galicia se duplique aínda esa cantidade.

Pola súa parte, o director do Máster, Xavier Vence, agradeceu a contribución da Deputación da Coruña á investigación en economía circular e a súa preocupación por un futuro sostíbel. Valorou tamén a notable concorrencia nesta primeira edición dun premio que ten vocación internacional e que pretende ser estímulo para promover a investigación neste campo no ámbito académico.

O gañador do premio, Leandro Javier Llorente González, agradeceu tamén o apoio da Deputación ao Máster e afirmou que o recoñecemento recibido é unha motivación para seguir investigando en economía circular.

O I Premio Internacional de Investigación en Innovación e Economía Circular está convocado pola Universidade de Santiago a través do Máster de Desenvolvemento Económico e Innovación que conta co apoio da Deputación da Coruña. O premio está dotado con 1.000 euros e ten como principal obxectivo promover o estudos académicos neste ámbito.

A orixinalidade e o interese da investigación, a actualidade, a a relevancia para futuras investigacións son algúns dos principais criterios de valoración da convocatoria.