Estás en:Novas

Valdoviño inviste 50.000 € do Plan Único na renovación do alumeado na estrada AC-566, un dos principais accesos á localidade

Valdoviño inviste 50.000 € do Plan Único na renovación do alumeado na estrada AC-566, un dos principais accesos á localidade

O Concello de Valdoviño vén de sacar a licitación pública as obras de renovación do alumeado público na estrada AC-566, un dos principais accesos á localidade, que serán financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña.
As obras suporán un investimento de 50.000 euros para renovar un total de 135 antigas lámpadas de vapor de sodio nos tramos de Robles (entrada a Valdoviño), Cabezal e Carreira (na estrada que vai cara a San Sadurniño e os distintos ramais existentes da zona) por novas luminarias con tecnoloxía LED de 80 vatios, que melloran a calidade luminosa do alumeado e reducen o consumo eléctrico arredor dun 60%.
Ademais, todas as luminarias irán equipadas reloxo astronómico, sistema de descarga de sobretensións e equipos de regulación de fluxo, que permitirán regular a potencia ata o 70% nominal nas cinco horas centrais da noite (cando hai menor tráfico peonil e de vehículos), favorecendo así o aforro enerxético.


Estender a tecnoloxía LED a todo o termo municipal


O alcalde de Valdoviño, Alberto González, destacou que a intervención permitirá avanzar no obxectivo de estender a tecnoloxía LED ao 100% do termo municipal. Logrando, amais de minimizar o impacto no medio, unha rebaixa no consumo e na factura, e conseguir unha importante mellora da seguridade viaria para peóns e condutores.

Lembrou que nos últimos anos o Concello ten completado a renovación por LED na AC 116 (entre a rotonda de Robles o límite con Narón), nos núcleos de Viansil, de Lavacerido, de Taraza, na contorna da praia e lagoa da Frouxeira, na Travesía de Atios, na Porta do Sol, nas contornas do CPI Atios, Centro de Saúde e Casa da Cultura, en puntos das parroquias de Loira, Pantín e Vilarrube, no Carballal e na Avenida Areeiros.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que 21 concellos da provincia están acometendo obras de renovación do alumeado público co apoio económico do Plan Único. Estas obras suman un investimento superior aos 3 millóns de euros e permiten mellorar a eficiencia enerxética, reducindo a factura eléctrica ata un 90%.
"En lugar de propoñer unhas axudas específicas, o Plan Único permite aos concellos escoller as súas prioridades", explicou González Formoso, que apuntou que os proxectos de mellora de eficiencia enerxética do POS+ "son rendibles a nivel económico, social e medioambiental" e esténdense dende contornas claramente urbanos como a cidade da Coruña (modernización enerxética do barrio do Castrillón) ou Milladoiro (Ames) a pequenos núcleos rurais de Irixoa, Coirós, As Somozas ou Vilasantar.

Ademais de Valdoviño, os concellos de Ames, Arzúa, Betanzos, Camariñas, Cambre, A Capela, Coirós, A Coruña, Culleredo, Fisterra, Irixoa, Moeche, Muros, Narón, Ortigueira, O Pino, San Sadurniño, As Somozas, Vilasantar e Vimianzo decidiron destinar parte dos fondos que lles achega o Plan Único da Deputación para realizar obras de mellora da súa rede de alumeado público.

 

Páxinas suxeridas