Estás en:Novas

A Deputación da Coruña achega 180.000 € para a organización de Fairway que se desenvolverá en Santiago dos días 10 ao 12 de febreiro

Un congreso, feira e mercado de produtos turísticos son algúns eixos do programa sobre o principal produto turístico galego

A Deputación da Coruña achega 180.000 € para a organización de Fairway que se desenvolverá en Santiago dos días 10 ao 12 de febreiro

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois González participaron na sinatura do convenio polo que a Deputación achega 180.000 € para a organización do Fairway, o Forum Internacional do Camiño de Santiago, que se celebrará na capital galega dos días 10 ao 12 de febreiro.

A Deputación da Coruña financia o 80% do orzamento de Fairway, o Forum Internacional do Camiño de Santiago que converterá a capital galega no grande encontro arredor do principal recurso galego de atracción turística.

Segundo o convenio asinado nesta mesma xornada, a Deputación da Coruña comprométese a achegar 180.000,00, un 80% do total do orzamento da nova edición de Fairway-Fórum do Camiño de Santiago 2019 que ascende a 225.000 €. O proxecto inclúe a organización das diversas áreas do evento, desde o congreso, o workshop, o Fairway City, o Fairway Invest, o Press Trip- Fam Trip ou mesmo a promoción de Turismo de Santiago dentro do programa oficial.

"Desde a Deputación da Coruña consideramos a necesidade de apoiar a realización do Fairway como evento de referencia do noso principal recurso turístico, que compre promover e tamén reflexionar arredor del de cara un turismo sostíbel e de calidade", sinala o deputado Xosé Regueira.

A Deputación da Coruña apoia a organización do Fairway, o Forum Internacional do Camiño de Santiago, que se celebrará na capital galega dos días 10 ao 12 de febreiro, como grande evento de promoción turística que debe axudar a repensar a cidade de Santiago de Compostela diante dun novo Xacobeo.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, manifestou na presentación de Fairway que os Camiños a Santiago son " un recurso cunha altísima potencialidade, un tesouro que hai que protexer e promover e que nos debe axudar a repensar o futuro da capital galega de cara a un novo Ano Xacobeo e tamén estudar as posibilidades que ofrece para fronte ao desmantelamento do rural".

Fixo tamén fincapé na organización dunha xornada de portas abertas xa que "é tamén interesante que a veciñanza que está ao lado dos Camiños os coñezan e gocen da riqueza paisaxística, cultural e patrimonial".

A Deputación da Coruña, ademais de financiar o evento, estará presente cun espazo propio ao que convidou a participar aos concellos, de maneira especial, do Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía que son nos que está a traballar directamente con iniciativas de promoción e mellora en colaboración directa cos municipios que atravesan as rutas.

O Fairway terá lugar dos días 10 a 12 de febreiro e inclúe un congreso, unha feira e un mercado de produtos turísticos arredor do Camiño de Santiago. Convoca institucións, axentes e empresas do sector cun foro de encontro arredor dun recurso central de promoción económica, patrimonial e cultural.

Páxinas suxeridas