Estás en:Novas

A Deputación destinará 200.000 euros para a construción dun centro social para maiores nas Somozas

Valentín González Formoso e Juan Alonso Tembrás asinaron hoxe un protocolo para o financiamento da infraestrutura

O centro terá como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través da promoción de actividades socio-culturais e ocupacionais para previr as situacións de deterioro físico ou cognitivo que van unidas ao proceso de envellecemento

A Deputación destinará 200.000 euros para a construción dun centro social para maiores nas Somozas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Fomoso, e o alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un protocolo de intencións entre ambas administracións para o cofinanciamento das obras de construción dun Centro Cívico-sociocultural que funcionará como centro de reunión e atención aos maiores.

O orzamento para a execución desta obra ascenderá a 690.576,65 euros, dos cales a Deputación achegará o 29%, que supón unha cantidade de 200.000 euros, segundo se estipula no texto do protocolo, que detalla que o centro terá como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a través da promoción de actividades socio-culturais, ocupacionais, artísticas e recreativas para previr as situacións de deterioro físico ou cognitivo que van unidas ao proceso de envellecemento, e todas aquelas que fomenten as relacións interpersoais e de convivencia.

Este centro dará servizo ás persoas maiores do concello das Somozas, pero tamén dos municipios veciños, estimando como posibles usuarios preto de 750 veciños do municipio e 2.500 persoas dos municipios limítrofes.

A actividade do centro estará orientada á potenciación, participación e integración dos maiores na vida da comunidade.

Páxinas suxeridas