Estás en:Novas

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destaca en Xantar a condición de potencias gastronómicas dos concellos da Coruña

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destaca en Xantar a condición de potencias gastronómicas dos concellos da Coruña

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou na xornada grande de Xantar en Ourense a condición de potencia gastronómica dos concellos da provincia. Na súa intervención, Regueira apostou por estreitar lazos a través do turismo, de maneira especial, con Portugal onde a provincia da Coruña será destino convidado na Feira Internacional de Turismo da Guarda.

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, chega ao seu vinte aniversario convertido no grande evento de referencia no ámbito e cita anual obrigada no calendario de Ourense. Nesta nova edición, a provincia da Coruña volveu ser protagonista no espazo feiral ExpoOurense na xornada do sábado en que o deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou na mesa de intervencións da xornada central da feira.

Canda representantes doutras administracións como varias entidades de Portugal, o concello de Ourense ou a Axencia de Turismo de Galicia, a Deputación da Coruña participou no acto central a través do deputado de Turismo que destacou a potencialidade do turismo gastronómico dos concellos da provincia e avogou por estreitar lazos de unión a través do territorio, de maneira especial con Portugal.

Aproveitou Xosé Regueira para destacar as virtudes dos seis xeodestinos da provincia que compoñen unha terra de sabores, texturas e olores cunha gastronomía rica, única e variada. Ademais, fixo fincapé nas paisaxes naturais e nos numerosos recursos patrimoniais que xogan un papel fundamental na identidade dos distintos concellos.

O deputado de Turismo destacou que, a pesar da relevancia da comunicación dixital na nosa contemporaneidade, Xantar continúa a ser "a mellor ocasión para coñecer a propia gastronomía.

Produtos como o polbo á mugardesa, o ceviche de raia, tortilla romana e conservas de Muros e Noia, os pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, o queixo da Capela, o polbo de Rois ou o pan e empanada de Carballo foron algúns dos protagonistas desta nova edición de Xantar no espazo da Deputación da Coruña,

O 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, estase a desenvolver en Ourense desde o 6 e ata o 10 de febreiro e nas últimas edicións superou as vinte mil persoas visitantes. Nesta edición, Brasil, e concretamente Foz de Iguazú, onde están as famosas cataratas e segundo destino escollido polo turismo que chega a territorio brasileiro, é o país convidado de Xantar.