Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación financia as obras de mellora da contorna do parque público das Somozas

A institución provincial financia tamén a construción de beirarrúas e alumeado na Roda e a traída de auga a Marbán e Seixas

O Plan Único da Deputación financia as obras de mellora da contorna do parque público das Somozas

O Plan Único da Deputación da Coruña investirá 156.500 nas mellora de distintas infraestruturas municipais no concello de As Somozas.

Os proxectos, que veñen de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado, inclúen tres obras: a mellora do entorno do parque público da localidade (36.630 €), a construción de beirarrúas e dotación de alumeado na Roda (52.438 €) e a construción de rede de abastecemento de auga a Marbán e Seixas (67.430 €).

No parque público de As Somozas levarase a cabo o acondicionamento do entorno, a instalación dunha cuberta de chapa de aceiro prelacado con canalón e baixantes e a acometida eléctrica soterrada da zona, dotándoa de novas luminarias farolas semellantes ás existentes na zona verde.

En A Roda faranse obras para a construción dun tramo de 50 metros de beirarrúas de 1,50 metros de ancho, con bordo de granito, e baldosa de formigón, así como a instalación de 14 novos puntos de luz con luminarias LED en columnas de aceiro de 9 metros de altura.

Traída de auga a Marbán e Seixas

Finalmente, a Deputación investirá 67.430 euros nas obras de construción da rede de abastecemento de auga aos núcleos de Marbán e Seixas. As obras inclúen a canalización de 3.690 metros de tubería de polietileno para levar a traída de auga a estes dous puntos do municipio.