Estás en:Novas

O IMER de Ribeira, Ecodesarrollo Gaia, Ecos do Sur e Seminario Galego de Educación para a Paz, gañadores do I Premio pola Paz, Convivencia e Dereitos Humanos da Deputación

González Formoso felicita ás entidades gañadoras e afirma que, con este novo galardón, a Deputación quere "axudar a visibilizar o importante papel que as entidades desenvolven no ámbito social e educativo para a promoción da cultura da paz, a tolerancia, o entendemento, a concordia e en favor dos dereitos humanos"

O IMER de Ribeira, Ecodesarrollo Gaia, Ecos do Sur e Seminario Galego de Educación para a Paz, gañadores do I Premio pola Paz, Convivencia e Dereitos Humanos da Deputación

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe o acto de entrega dos Premios pola Paz, Convivencia e Dereitos Humanos ás entidades gañadoras desta primeira edición do galardón, co que a institución provincial pretende recoñecer iniciativas a favor da convivencia, a resolución pacífica de conflitos e a eliminación de comportamentos que prexudican a vida en común entre as persoas, como poden ser o acoso, a discriminación ou a violencia de xénero.

Os galardóns foron entregados polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada responsable da área de Benestar Social, Ánxela Franco, e o deputado provincial Manuel Dios, nun acto que contou tamén coa asistencia do alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas.

As entidades premiadas foron o Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (premio pola Paz), as entidades Ecodesarollo Gaia e Ecos do Sur (premiadas ex aequo á Convivencia) e o Seminario Galego de Educación para a Paz (premio xuvenil).

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, felicitou ás entidades gañadoras "pola importante labor que desenvolven en pro da cultura da paz e a convivencia" e citou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos para lembrar que "a paz non é só a ausencia de conflitos, senón que require dun proceso positivo, dinámico e participativo no que se promova o diálogo e se solucionen os conflitos nun espírito de entendemento e cooperación mutuos".

"Con este galardón queremos axudar a visibilizar na sociedade o importante papel que as entidades desenvolven no ámbito social e educativo para a promoción da cultura da paz, a tolerancia, o entendemento, a concordia e en favor dos dereitos humanos", afirmou González Formoso.

O galardón está dotado con 2.500 euros en cada categoría e unha figura de Sargadelos que representa a pomba da paz de Picasso.