Estás en:Novas

A Deputación da Coruña supera os dous millóns e medio de euros en catro convocatorias para entidades de servizos sociais

A Deputación da Coruña supera os dous millóns e medio de euros en catro convocatorias para entidades de servizos sociais

Un total de 2.520.000 € é o orzamento que a área de Benestar Social e Igualdade destina ás catro novas convocatorias ás que poden concorrer entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais. Poden concorrer a axudas para programas e servizos, mantemento de centros, investimentos e servizos sociosanitarios. "Apoiamos o labor que desenvolven e traballamos da súa man para contribuír ao benestar de quen máis o precisa", sinala a deputada Ánxela Franco.

"Somos conscientes do importantísimo traballo que realizan as entidades do ámbito dos servizos sociais e, por iso, queremos apoiar unha función necesaria e imprescindible para garantir un maior benestar para as persoas que máis o necesitan", explica a deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, a respecto das catro convocatorias destinadas a entidades sociais que este martes 12 de febreiro publica o BOP e á que se sumará proximamente a de vehículos adaptados, que se convoca por segunda vez despois de que o pasado ano distribuíra once unidades para a renovación do parque móbil das asociacións do sector.

Dúas das convocatorias están dotadas con 800.000 € cada unha que se destinarán a ao mantemento de centros e programas e servizos en materia de servizos sociais, 600.000 € para investimentos e 320.000 para programas sociosanitarios.

Para o mantemento de centros de servizos sociais, as entidades poderán obter ata un máximo de 80.000 €, subvencionándose do 20 ao 80% do orzamento de gastos que poderá ser de 10.000 a 120.000 €. Centros de menores, ludotecas, puntos de encontro, residencias, centros de día, apartamentos tutelados, centros ocupacionais, albergues ou centros de atención social son algúns dos subvencionados mediante esta liña que contempla as áreas de familia, infancia e mocidade; persoas maiores: diversidade funcional; drogodependencias e outros trastornos aditivos e de persoas en risco ou situación de exclusión ou especiais dificultades de inserción.

Co obxectivo de manter programas e servizos en materia de servizos sociais, a área de Benestar Social subvencionará un máximo de 40.000 € por entidade para orzamentos que van de 1.000 a 60.000 €, cunha porcentaxe subvencionábel do 20 ao 80%. Poderán acollerse a esta liña programas na área de familia, infancia e mocidade como atención psicosocial e intervención socioeducativa dirixidos a menores en situación de risco ou conflito social. Na área de diversidade funcional financiaranse iniciativas de transporte adaptado, eliminación de barreiras, tratamentos de rehabilitación ou respiro familiar mentres na de drogodependencias e outros trastornos aditivos apoiaranse o desenvolvemento de programas de tratamento, apoio ás familias ou inserción laboral. Programas de formación e inserción laboral para minorías étnicas e inmigración e tamén para persoas en risco ou situación de exclusión forman parte do abano de propostas que poden acollerse ás axudas da Deputación da Coruña nesta convocatoria.

Un total de 600.000 € investirá este ano a área de Benestar Social da Deputación da Coruña para apoiar investimentos de servizos sociais de entidades sen fins de lucro con axudas que irán desde 750 a 100.000 € co que se subvencionarán desde aplicacións informáticas até infraestruturas pasando por ferramenta, mobiliario, maquinaria ou equipos para proceso de información entre outros de centros das distintas áreas do ámbito dos servizos sociais.

Finalmente, e á espera de que a convocatoria de vehículos adaptados complete as liñas de axudas para as entidades, convócase tamén a liña de programas sociosanitarios que nesta edición está dotado con 320.000 € que se distribuirán en axudas de entre 40.000 e 1.000 € e que contemplarán o apoio a programas de proxección comunitaria, de carácter preventivo, informativo ou formativo dirixidos a colectivos de persoas con enfermidades, aos seus familiares e a poboación en xeral e programas de apoio persoal para tratar enfermidades de persoas que as padecen ou para os seus familiares. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña