Estás en:Novas

González Formoso: “Betanzos é un tesouro para Galicia que temos a obriga de conservar dende as administracións”

O presidente da Deputación da Coruña participou xunto coa alcaldesa, o delegado do Goberno e o presidente da Xunta nos actos de conmemoración do 800 aniversario da vila

"Temos mil motivos para compartir hoxe con vós ese orgullo tan característico da identidade betanceira e dalo a coñecer en toda España con motivo destes oito séculos de historia", afirmou o presidente

González Formoso: “Betanzos é un tesouro para Galicia que temos a obriga de conservar dende as administracións”

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto á alcaldesa de Betanzos, María Barral, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, nos actos de conmemoración do 800 aniversario da fundación da vila de Betanzos.

González Formoso lembrou no seu discurso que tal día como hoxe, en 1219, o Rei de León e Galicia, Alfonso IX, autorizaba oficialmente a petición popular dos habitantes deste municipio de trasladar a vila de Betanzos dende o seu primitivo enclave (en San Martiño de Tiobre) á situación na que se asenta hoxe, sobre o antigo Castro de Untia.

Ese cambio supuxo "o inicio da etapa de maior esplendor histórico de Betanzos", que continuaría con fitos posteriores como a concesión do título de cidade en 1465 ou o privilexio de converterse na capital dunha das sete provincias que integraban o Reino de Galicia durante a época dos Reis Católicos.

Betanzos, unha das grandes vilas históricas de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña afirmou que "Betanzos é por dereito propio unha das grandes vilas históricas de Galicia. Coa súa inmensa riqueza cultural, patrimonial, artística e etnográfica, Betanzos é un tesouro para Galicia. Un tesouro que dende as administracións estamos obrigados a manter a conservar para poder legalo en condicións ás vindeiras xeracións".

"As igrexas de Santiago, San Francisco e Santa María de Azogue, as portas da antiga muralla medieval, os Pazos de Bendaña e Lanzós, o Edificio Liceo (levantado para ser sede do Arquivo do Reino de Galicia), as casas e palacetes modernistas, o gran legado indiano dos Irmáns García Naveira, entre o que destaca ese Parque do Pasatempo ao que queremos devolver o seu esplendor de antano, a fonte de Diana Cazadora, o palco da música ou a torre do Reloxo, cuxas campás acaban de anunciar aos catro ventos este 800 aniversario... cada recuncho de Betanzos fala da súa longa historia e danos motivos e argumentos para sentirnos orgullosos dela", afirmou González Formoso.

O presidente provincial repasou tamén no seu discurso de distintos fitos que falan da grandeza da historia de Betanzos, coma ser o lugar onde se fundou o primeiro banco de España (o Etchevarría), o cine máis antigo do país (o Alfonsetti), a vila que acolleu o primeiro discurso público en galego, a que conta co primeiro parque temático de Europa, co globo de papel máis grande e coa mellor tortilla do mundo.

"Temos mil motivos para compartir hoxe con vós ese orgullo tan característico da identidade betanceira e dalo a coñecer en toda España con motivo destes oito séculos de historia", concluíu.

Páxinas suxeridas