Estás en:Novas

A Asociación Coruñesa da Epilepsia recoñece o traballo da área de Benestar Social da Deputación da Coruña

A Asociación Coruñesa da Epilepsia recoñece o traballo da área de Benestar Social da Deputación da Coruña

A Asociación Coruñesa da Epilepsia ben de recoñecer a colaboración recibida pola área de Benestar Social da Deputación da Coruña entregándolle o seu carné de socia honorífica á deputada Ánxela Franco segundo acordo da asemblea de socias e socios.

O presidente da Asociación Coruñesa da Epilepsia, Santiago Grandío, entregou o carné de socia honorífica á deputada de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, para, segundo sinalou, "recoñecer o apoio e a colaboración recibida por esta institución".

A decisión de concederlle o recoñecemento foi tomada en asemblea de socios e socias da entidade que ten como obxectivos, entre outros, visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas que a padecen e as súas familias. "É unha doenza que aínda non ten o apoio que precisa e só na área metropolitana da Coruña está rexistrado que hai 5.000 persoas con epilepsia", destaca Santiago Grandío.

Pola súa parte, a deputada Ánxela Franco agradeceu o recoñecemento e afirmou que "é obriga das institucións colaborar e traballar man a man con todas as asociacións que están a facer un labor fundamental no coidado e apoio das persoas que o precisan, neste caso, as que padecen a enfermidade da epilepsia".

A deputada Ánxela Franco lembrou que esta mesma semana o BOP recollía a publicación das catro liñas de axuda para entidades que nesta nova convocatoria superarán os dous millóns e medio de euros. Serán en total 2.520.000 € os que a área de Benestar Social e Igualdade destina ás catro novas convocatorias ás que poden concorrer entidades sen ánimo de lucro para programas e servizos, mantemento de centros, investimentos e servizos sociosanitarios. "Apoiamos o labor que desenvolven e traballamos da súa man para contribuír ao benestar de quen máis o precisa", sinala a deputada Ánxela Franco. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas