Estás en:Novas

O programa "Suprime o control" da Deputación da Coruña chega aos centros educativos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

A área de Benestar Social e Igualdade inclúe unha asesoría para previr o control nas redes sociais e encontros coas familias

O programa

O programa "Suprime o control" que promove a área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña programa obradoiros en once centros de ensino das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A iniciativa inclúe unha asesoría para previr o control nas redes sociais e encontros coas familias.

Os IES Cabo Ortegal, IES de Ortigueira, CPI DE Atios, CPI San Sadurniño, IES de Mugardos, IES As Mirandas, CPI A Xunqueira, IES de Fene, IES Fernando Esquío, CPI Virxe da Cela, IES Punta Candieira son os centros educativos que participan nesta nova fase do programa Suprime o Control da área de Benestar Social e Igualdade que ten como obxectivo contribuír a eliminación das relacións de dominación e a violencia machista na mocidade.

"Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña consideramos que é fundamental contribuír á eliminación da violencia de xénero desde a mocidade, para atallar e previr comportamentos violentos e sexistas e con ese obxectivo promovemos o programa Suprime o Control que está a chegar a mozas e mozos cunha mensaxe clara", explica a deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco. Lembra tamén a responsable da área na Deputación da Coruña que case o estudo previo promovido desde este programa detectou que case a metade das mozas e mozos continuaban considerando os celos como un símbolo de amor. "Queda moito por facer e é preciso un compromiso institucional claro con iniciativas destinadas tamén ao ámbito educativo e a un tempo de formación en que se poden mudar os marcos e traballar por unha sociedade igualitaria", apunta Ánxela Franco.

Tras unha primeira fase de estudo e detección de necesidades formativas arredor da prevención da violencia de xénero e ás relacións entre iguais nos diferentes centros educativos participantes no programa Suprime o, a Deputación da Coruña desenvolve agora os obradoiros coeducativos co alumnado de 3º e 4º da ESO que se estenderán ata mediados do mes de marzo.

Nos obradoiros, que constan de tres sesións, trabállanse contidos relacionados coas relacións afectivo sexuais como as actitudes e condutas de control e aquelas formas de violencia de xénero máis sutís como os micromachismos, o papel das novas tecnoloxías nas relacións entre iguais, a diversidade afectivo sexual, a resolución de conflitos pacífica, os diferentes tipos de violencia sexual, os mitos do amor romántico e a influencia dos medios de comunicación na súa reprodución, etc.

Trátase da terceira edición dun programa que forma parte da aposta da área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña pola educación en igualdade e para contribuír á prevención de condutas machistas no ámbito educativo ademais de fomentar a igualdade entre rapazas e rapaces. Un total de 680 alumnas e alumnos dos 11 centros educativos participan nesta nova fase do programa.

Asesoría whatsapp e encontros coas familias

Unha vez finalizados os obradoiros, organizarase un concurso de microrrelatos, que terán como premio a adaptación do microrrelato seleccionado polo xurado a un formato de guión para a produción dunha curtametraxe a cargo dunha produtora audiovisual, na que poderán participar e protagonizar o propio alumnado do centro gañador. Ademais, dende o comezo do curso púxose a disposición do alumnado un servizo de Asesoría Whatsapp a través do que resolver as dúbidas e atender ás consultas sobre a violencia de xénero ou sobre o propio programa, garantindo a privacidade dos datos de contacto e a información compartida.

De cara aos meses de abril e maio organizaranse encontros coas familias en cada un dos centros participantes, para ofrecerlles unha visión sobre a problemática da violencia de xénero e outras violencias machistas na adolescencia, así como achegar pautas e ferramentas que permitan ás familias abordar estas situacións dende o eido familiar.

O programa socioeducativo para a prevención da violencia de xénero "Suprime o Control" da Deputación da Coruña ten por obxecto ofrecerlle ao alumnado de 3º e 4º da ESO, ás súas familias, e ao profesorado, ferramentas coas que traballar pola construción de identidades igualitarias, facendo unha especial crítica ás violencias machistas na adolescencia e á súa reprodución por medio das redes sociais ou produtos audiovisuais.

Todas as novidades e calendarización das diferentes actividades de Suprime o Control, poden consultarse na web propia do programa www.suprimeocontrol.com.

Páxinas suxeridas