Estás en:Novas

A Deputación presenta aos veciños o proxecto da segunda fase de ampliación da estrada Ares-Chanteiro

Valentín González Formoso e Julio Iglesias reuníronse na Deputación coa entidade veciñal de Chanteiro tras rematar a redacción do proxecto, que será aprobado no pleno provincial de abril

As obras suporán un investimento de 780.000 euros para ampliar o último quilómetro da estrada

A Deputación presenta aos veciños o proxecto da segunda fase de ampliación da estrada Ares-Chanteiro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, reuníronse na sede da institución provincial coa directiva da Asociación de Veciños de Chanteiro para presentarlles os detalles do proxecto técnico das obras da segunda fase de ampliación da estrada provincial DP 0402 Ares-Chanteiro.

Tal como comprometeran Valentín González e Julio Iglesias na súa visita á primeira fase das obras o pasado mes de outubro, o servizo de Vías de Obras da Deputación vén de rematar a redacción do proxecto para a execución da segunda fase, que dará continuidade ás obras actuais dende o punto quilométrico 3+700 ata o 4+700.

Acompañado de técnicos do departamento de Vías e Obras, o presidente da Deputación supervisou os planos do proxecto cos veciños e explicoulles que a nova fase da estrada suporá un investimento de 780.000 euros, aos que haberá que sumar outros 50.000 euros para as expropiacións. González Formoso afirmou que que o proxecto será sometido á aprobación definitiva no pleno provincial do vindeiro mes de abril.

O alcalde de Ares, Julio Iglesias agradeceu o compromiso do goberno provincial de González Formoso "para sacar adiante este proxecto. Unha reivindicación histórica dos veciños que completará a importante actuación que xa se está rematando nos primeiros 3,6 quilómetros e que vai a permitir a ampliación integral da estrada, mellorando notablemente a seguridade de vehículos e peóns".

Ampliación a sete metros e nova senda peonil

A plataforma actual de estrada conta actualmente con só 5 metros de ancho, o que dificulta a circulación, especialmente cando se cruzan dous vehículos de gran tamaño. Ademais carece de zona habilitada para a circulación de peóns.

As obras consistirán na ampliación do vial ata os 7 metros de ancho, con sobreanchos nas zonas de gran curvatura para facilitar o xiro dos coches. Ademais incluiranse beiravías e sendas peonís en ambas marxes dende o pk 3+700 até o 4+450 e só pola marxe dereita nos últimos 300 metros deste tramo da estrada.

Así, os traballos suporán a continuación das obras da primeira fase, coa mesma tipoloxía de sección e os mesmos materiais, completando e uniformando unha actuación integral de ampliación e mellora no vial.

As obras da primeira fase rematan en marzo

Os veciños de Chanteiro interesáronse tamén polo prazo previsto para o remate definitivo das obras da primeira fase da estrada, que os técnicos da Deputación estiman para marzo, xusto antes da aprobación en pleno da segunda fase.

Os veciños recoñeceron estar satisfeitos coas melloras, que xa contribúen a mellorar a seguridade na zona.