Estás en:Novas

A Deputación da Coruña compromete o apoio ás mulleres vítimas da explotación sexual na comarca de Ferrol

Ánxela Franco visita o centro das Oblatas que atende cada ano case trescentas mulleres con programas formativos, sanitarios e asistenciais

A Deputación da Coruña compromete o apoio ás mulleres vítimas da explotación sexual na comarca de Ferrol

A deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco, visitou o centro xestionado polas Irmáns Oblatas en Ferrol que atende a mulleres que exercen a prostitución e son vítimas da trata para a explotación sexual. A Deputación da Coruña apoia os programas que o centro desenvolve e que o pasado ano chegaron a case trescentas mulleres da comarca.

O centro de Ferrol das Irmáns Oblatas chegou o pasado ano a un total de 262 mulleres que traballan na prostitución en 15 clubs e 33 pisos da comarca. Son os datos que manexa o coordinador do centro, Roberto Ferreiro, que, xunto co persoal da entidade se reuniu esta mañá coa deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco.

No transcurso da xuntanza, a deputada Ánxela Franco puido coñecer de primeira man o funcionamento dun centro que atende cada día arredor de 45 mulleres que asisten aos distintos programas formativos e obradoiros de habilidades sociais e lingua, fundamentalmente. O centro, segundo explicou o seu coordinador, dirixiuse a case trescentas mulleres o pasado ano contactando con elas directamente en clubs ou pisos e, delas, unhas oitenta recorreron despois ao centro para ser beneficiarias dos seus servizos, tanto sanitarios como formativos ou asistenciais.

"Desde a Deputación da Coruña apoiamos o labor que desenvolven as Oblatas neste centro que se converte en casa que acolle a tantas mulleres que precisan sentirse arroupadas e recibir apoio tanto no ámbito formativo como sanitario ou mesmo afectivo", sinalou a deputada Ánxela Franco que agradeceu o esforzo e o compromiso do equipo de traballo do centro de Ferrol.
De maneira especial, Ánxela Franco destacou o papel de inserción laboral que desenvolve o centro, con ámbitos de traballo como a formación especializada de auxiliar sociosanitaria e un programa de prácticas en empresas do sector xeriátrico da comarca que contribúen á contratación laboral das mulleres. Neste sentido, a Deputación da Coruña contribuíu o pasado ano con 13.200€ ao programa de emprego formativo e mellora da empregabilidade no centro.

A deputada de Igualdade e Benestar Social interesouse pola situación do colectivo de mulleres que traballan en centros de compra de sexo e, segundo os datos que se manexan na entidades, unha inmensa maioría -máis do 90%- son mulleres estranxeiras, grande parte sen regularizar a súa situación e unha inmensa maioría con interese en deixar ese mundo no que maiormente están como vítimas de explotación.

Páxinas suxeridas