Estás en:Novas

Centros de ensino de Miño, Carballo e Cambre gañan o Premio Concepción Arenal da Deputacion da Coruña

Centros de ensino de Miño, Carballo e Cambre gañan o Premio Concepción Arenal da Deputacion da Coruña

Proxectos do CPI Castro Baxoi de Miño, do CEIP Xesús San Luis Romero de Carballo e do IES David Buján de Cambre son os gañadores dunha nova edición dos premios Concepción Arenal que cada ano convoca a área de Igualdade e Benestar Social da Deputación da Coruña. O xurado decidiu facer unha mención especial ao traballo presentado por un equipo do CE Nosa Señora do Rosario da Coruña.

"Para nós, o premio Concepción Arenal supón promover o traballo pola igualdade nos centros de ensino ademais da elaboración de proxectos que son de especial interese para toda a comunidade educativa. Entendemos que é fundamental desenvolver iniciativas para contribuír á igualdade desde a infancia e mocidade porque significa traballar por un futuro sen discriminación nin machismo", sinala a deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco.

"Explorando a igualdade: Tinogona!" é o título do proxecto co que un equipo do CPI Castro Baxoi de Miño se fixo co premio Concepción Arenal para educación infantil. O xurado decidiu outorgar o premio ao centro de Miño por ser "un proxecto innovador e pedagóxico, cunha elevada implicación do alumnado e un marcado carácter aventureiro".

En canto á modalidade de educación primaria, o gañador resultou ser o CEIP Xesús San Luis Romero, do concello de Carballo, co seu proxecto "Revelando igualdade" que, para o xurado ten "unha alta adaptación á realidade social cun bo uso das novas tecnoloxías e un alto valor das imaxes utilizadas".

Finalmente, na modalidade de educación secundaria, o premio foi para o IES David Buján do Concello de Cambre co proxecto "Abrindo portas violetas", un traballo, como consta no fallo da convocatoria "afronta dunha forma global o problema da violencia, abrindo, entre outras, unha porta á solidariedade e os dereitos humanos".

Ademais, o xurado decidiu facer unha mención de honra ao traballo "Tempo de mulleres, superando barreiras, alcanzando soños" polo esforzo mostrado e pola súa contribución á ruptura das barreiras.

O xurado estivo presidido pola deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco con Javier Sardiña Barreiro como secretario e Irene Correia Caballero, Fernanda Soutullo Silverio e Iria Ares Campos como vogais.

Páxinas suxeridas