Estás en:Novas

A Deputación da Coruña analizará en Compostela a transmisión non familiar do galego no terceiro encontro de Malas linguas

O persoal técnico dos concellos afondará no funcionamento dos procesos de activación de falantes co foco posto na mocidade e a infancia

A Deputación da Coruña analizará en Compostela a transmisión non familiar do galego no terceiro encontro de Malas linguas

A terceira xornada de Malas linguas: activando falantes para o século XXI trasládase desta volta a Santiago de Compostela o vindeiro venres 1 de marzo. O Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16) acollerá o encontro organizado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña no que participará o persoal técnico dos municipios da provincia para afondar na Lingua, infancia e mocidade. Transmisión non familiar da lingua.

O obxectivo desta terceira xornada do programa Malas Linguas que comezou o pasado mes de outubro é facer unha diagnose sobre os prexuízos, tópicos e roles que a mocidade contempla con relación ao galego e tamén deseñar políticas de intervención útiles para que a transmisión non familiar da lingua sexa eficaz. A vicepresidenta da Deputación,

"Consideramos que no debate desta terceira xornada están algunhas das chaves e ferramentas fundamentais para a normalización lingüística xa que sabemos, pomos por caso, da influencia que o contexto educativo ten no uso do galego nas primeiras idades, nas que, como estamos a ver se está a perder a transmisión e nas que nos xogamos o futuro do galego", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, que inaugurará a xornada.

Programa da xornada

Ás 10:15 horas, o profesor e activista Séchu Sende afondará na experiencia das Escolas Semente. Xa ás 10:30 horas haberá mesa de debate para analizar as actitudes e percepcións sobre a lingua da mocidade galega coa profesora da Universidade de Deusto, Estibaliz Amorrortu; o profesor e investigador Miguel R. Carnota, e a profesora da Universidade de Heriot-Watt, Bernadette O'Rourke.

A seguir, a profesora de Lingua Galega e Literatura, Pilar Ponte, falará do seu proxecto 21 días co galego, campaña escolar de dinamización lingüística da que é impulsora desde o ano 2013. Pechará a xornada unha escolma de Experiencias inspiradoras na que participarán o presidente da Federación de Ikastolas-Ikastolem Elkartea, Koldo Tellitu; a presidenta da ANPA do CEIP Paraixal de Vigo, Rute Palhares, e o filólogo e escritor Paco Esteve i Beneito. O peche das xornadas será ás 14:00 horas.

Sobre Malas linguas

As xornadas, en palabras da vicepresidenta de Deputación, Goretti Sanmartín Rei, procuran «contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e afondar na necesidade de que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua». Participan técnicas e técnicos municipais que traballan a diario en normalización lingüística e políticas relacionadas co galego.

A primeira xornada analizou o 23 de outubro no Pazo de Mariñán o impacto das políticas de normalización nas últimas décadas. A segunda, celebrada o 29 de novembro no Pazo provincial, abordou as consecuencias da violencia lingüística no franquismo. Logo desta terceira xornada en Compostela, o programa de encontros porá o punto final na Coruña o vindeiro 12 de abril afondando na Lingua e xéneros.

Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas.

Páxinas suxeridas