Estás en:Novas

A Deputación adxudica as obras de instalación de alumeado LED na estrada AC-862, en Moeche

Suporán un investimento de máis de 65.327 euros para reducir a factura eléctrica nun 80%, rebaixar a contaminación luminosa e mellorar a seguridade viaria

Renóvase o alumeado no tramo de 5 quilómetros que discorre por Finlle, Trieiro, Leboreiro, Balocos e Sanguiñeira, así como do vial que comunica o centro de San Ramón coa AC-862.

González Formoso enmarca as obras nos 36 proxectos de renovación do alumeado público que o Plan Único financia en concellos da provincia como A Capela, Narón, Ortigueira, As Somozas, Valdoviño ou San Sadurniño e que supoñen un investimento de 3 millóns de euros reducir a factura eléctrica dos concellos

A Deputación adxudica as obras de instalación de alumeado LED na estrada AC-862, en Moeche

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 65.327,90 euros á empresa Hallmann Energie as obras de mellora da iluminación na estrada AC-862, no termo municipal de Moeche.

As obras, financiadas con cargo ao Plan Único, levaranse a cabo no tramo de 5 quilómetros que vai dende o PK 23+970 ao 29+140, e que discorre polos núcleos de Finlle, Trieiro, Leboreiro, Balocos e Sanguiñeira, así como do vial que comunica o centro de San Ramón coa AC-862.

Os traballos incluirán a reparación ou substitución dos báculos danados e a actualización dos cadros de mando da instalación eléctrica, así como a instalación de novas lámpadas LED que reducirán o consumo ata nun 80% e mellorarán a calidade luminosa, axudando a incrementar a seguridade viaria.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que as obras comezarán a principios de marzo e enmarcou os traballos nos 36 proxectos de renovación do alumeado público que a Deputación, a través do Plan Único (POS+) financia actualmente en concellos da provincia como A Capela, Narón, Ortigueira, As Somozas, Valdoviño ou San Sadurniño e que supoñen un investimento de 3 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética e reducir ata un 90% a factura eléctrica dos concellos.

Neste sentido, o proxecto supón un paso máis na aposta da Deputación pola eficiencia enerxética nun concello de 1.230 habitantes no que a iluminación pública representou en 2016 un gasto superior aos 90.000 € (un 6% do orzamento xeral municipal).

Páxinas suxeridas