Estás en:Novas

As xornadas Malas linguas da Deputación da Coruña analizan en Santiago de Compostela a transmisión familiar do galego

As xornadas Malas linguas da Deputación da Coruña analizan en Santiago de Compostela a transmisión familiar do galego

As xornadas Malas linguas: activando falantes para o século XXI, da Deputación da Coruña tiveron lugar este venres en Santiago de Compostela co título "Lingua, infancia e mocidade. Transmisión non familiar da lingua". O Centro Cívico do Ensanche acolleu desde as 10:00 horas ao persoal técnico chegado de municipios e vilas de toda a provincia, máis de setenta participantes, que escoitaron as intervencións de docentes, persoal especializado e familias do programa.

A vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, abriu as xornadas destacando que, neste contexto social e político de "ofensiva cara o galego" cómpre "artellar políticas propias dun Estado que busca protexer e fomentar as linguas dos seus territorios" para que "o conxunto da poboación teña a posibilidade de saber e ter unha referencia das linguas, se non, é imposible que se respecten e se falen".

"Neste contexto difícil decidimos poñer enriba da mesa os nosos argumentos, baseados na razón e no corazón", dixo Sanmartín Rei, explicando que a intención da Deputación era "poñer o foco, nestas terceiras xornadas, no ámbito escolar, porque son moitas as persoas que se suman ao galego despois de pasar polas escolas". Concluíu a vicepresidenta insistindo en que "a forza do noso amor pola lingua non vai ser inútil, como dicía o poeta, algún día imos celebrar que xa non falaremos máis de 'malas linguas'".

Análise e estratexias

O profesor e activista Séchu Sende, das Escolas Sementes, falou en primeiro lugar explicando polo miúdo o modelo de inmersión lingüística do proxecto, "o único que pode acadar máis galegofalantes" entre os escolares.

Na primeira das mesas de debate da xornada, sobre as actitudes e percepcións sobre a lingua na mocidade, participou a profesora da Universidade de Deusto, Estibaliz Amorrortu; o profesor e investigador Miguel R. Carnota, e a profesora da Universidade de Heriot-Watt, Bernadette O'Rourke. Amorrortu amosou os paralelismos entre os falantes de euskera e os galegofalantes, facendo fincapé na necesidade que de os escolares "tomen conciencia" e decidan empregar unha lingua das consideradas minoritarias. Carnota, pola súa banda, compartiu a realidade do instituto onde exerce coma profesor logo de facer unha investigación sobre o proceso transformador das aulas na fala que "estigmatiza" o galego: "os mozos que chegaban galegofalantes saían aos tres meses falando castelán".

O'Rourke, investigadora escocesa que leva estudando o galego desde o ano 2000, presentou un dos seus estudos o cal, partindo da premisa de que un 87 % dos informantes consideraba que "sen galego, Galicia perdería a súa identidade e a súa cultura propia", afondaba nas eivas que atopaba o idioma para transformar esas actitudes positivas nun porcentaxe maior de falantes.

Experiencias con nome propio

A profesora de Lingua Galega e Literatura, Pilar Ponte, afondou no seu proxecto 21 días co galego que puxo en práctica na Pobra do Caramiñal. Unha iniciativa que convida ao seu alumnado a pasar tres semanas falando galego con obxectivo de "ampliar o tempo e o contexto de uso do galego, ademais de reflexionar e analizar as dificultades que atoparon". Por último, pechou as xornadas a mesa Experiencias inspiradoras, que contou coa participación do presidente da Federación de Ikastolas-Ikastolem Elkartea, Koldo Tellitu; a presidenta da ANPA do CEIP Paraixal de Vigo, Rute Palhares, e o filólogo e escritor Paco Esteve i Beneito. Mentres o primeiro repasou a historia das escolas vascas e os diversos proxectos que teñen en marcha para que a normalización continúe avanzando -como unha editorial propia de libros de textos e materiais escolares-, Palhares contou en primeira persoa a súa experiencia como nai nunha escola pública de Vigo que está inmersa nunha transformación xirando nos eixos da lingua, a ecoloxía e o feminismo.

Pola súa banda, Esteve i Beneito, degrañou o panorama lingüístico das Illas Baleares nun contexto no que o exceso de turismo creou realidades moi hostís para o catalán en diversas zonas. O filólogo pensa que a fórmula máxica é a transversalidade, cómpre falar no mesmo código que a xente moza, creando contidos nas redes sociais ou nos videoxogos.

Sobre Malas linguas

As xornadas, en palabras da vicepresidenta de Deputación, Goretti Sanmartín Rei, procuran «contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e afondar na necesidade de que o Estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico para que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua». Participan medio cento de técnicas e técnicos municipais que traballan a diario en normalización lingüística e políticas relacionadas co galego.

A primeira xornada analizou o 23 de outubro no Pazo de Mariñán o impacto das políticas de normalización nas últimas décadas. A segunda, celebrada o 29 de novembro no Pazo provincial, abordou as consecuencias da violencia lingüística no franquismo. Logo desta terceira xornada en Compostela, o programa de encontros porá o punto final na Coruña o vindeiro 12 de abril afondando na Lingua e xéneros. Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas

Páxinas suxeridas