Estás en:Novas

A Deputación da Coruña comprométese coas reivindicacións do Día das Mulleres e apoia a folga feminista co lema "Moito que construír"

O día 7 de marzo terá lugar o acto central no Teatro Colón da Coruña que incluirá a proxección de "A nena azul", gañadora do Mestre Mateo

A Deputación da Coruña comprométese coas reivindicacións do Día das Mulleres e apoia a folga feminista co lema

Co lema "Moito por construír" a Deputación da Coruña súmase á conmemoración do Día das Mulleres e mostra o seu apoio á folga que terá lugar o día 8 de marzo, como foi acordado no Pleno da institución. O día 7 celebrará o acto central no Teatro Colón coa proxección da curtametraxe "A nena azul" e a actuación de Raiceira e Andrea Pousa.

A deputada de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Educación, Ánxela Franco, presentou as actividades promovidas pola Deputación da Coruña arredor da conmemoración do Día das Mulleres e o apoio da institución á folga do día 8 de marzo, como se aprobou no pleno celebrado o pasado venres.

"A Deputación promove un apoio activo á folga feminista e a súa difusión, iluminará a fachada da institución e adoptará medidas para garantir o dereito das mulleres a participar na xornada de reivindicación ademais de comprometernos a aprobar un regulamento de transversalidade que terá consecuencias a nivel interno de cara a garantir a igualdade", sinalou Ánxela Franco facéndose eco dos acordos aprobados no Pleno. "O noso lema pon o foco na construción, un ámbito masculinizado que nós queremos tomar como símbolo do que queda por facer e do que temos que conseguir entre todas", explicou do cartaz deste ano da convocatoria elaborado pola empresa I-Topic da Coruña.

Como acto central, o día 7 de marzo terá lugar no Teatro Colón a xornada "Moito por Construír" que se iniciará ás 20 horas e incluirá a proxección da curtametraxe " A nena azul " de Sandra Sánchez que foi un dos proxectos gañadores do I Concurso de Ideas Luísa Villalta e vén de conseguir tamén o Mestre Mateo á mellor curtametraxe. As actuacións musicais de Raiceira e Andrea Pousa completarán o programa.

Para facer visíbel a loita contra o machismo e o patriarcado, en distintas xornadas a Deputación da Coruña levará a espazos públicos a performance ideada por Neves Seara para Casa Morada que se poderá ver o venres, 8 de marzo ás 12:30 no cruce entre as Rúas Rego de Auga e Rúa Real; o 17 de marzo será en Compostela ás 13:30 na praza da Quintana e o sábado, 30 de marzo ás 12:30 en Ferrol na praza de Amboaxe.

Arredor do Día das Mulleres, a Deputación da Coruña está a programar tamén un ciclo de obradoiros de feminicidio que a pasada semana se desenvolveron en Negreira, Carballo e a Mancomunidade de Ordes e esta semana terán lugar en Muros e 14 Teo para continuar o ciclo até completar os 13 CIM'S que participan na iniciativa que ten como obxectivo concienciar e previr a violencia machista.

Ademais, ao longo deste mes, como cada ano, será convocado o concurso de viñetas dirixido a nenas e nenos de entre 12 e 18 anos que nesta décima edición xirará arredor das mulleres e a migración e completará a primeira década que se recollerá nun volume conmemorativo. Tamén en breve, a Deputación da Coruña dará a coñecer as iniciativas gañadoras do II Concurso de Ideas Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade para o que se presentaron un total de 46 solicitudes.

A programación completarase coa publicación dun manual de linguaxe non sexista que actualiza o publicado no mandato 2007-2011 cunha nova edición que responderá a unha demanda por parte de administracións locais, centros de ensino e entidades.

Maior igualdade, maior formación

A deputada de Igualdade, Ánxela Franco, sinalou tamén que na diagnose do Plan de igualdade no que está a traballar a Deputación da Coruña destácase "a necesidade dunha maior formación por parte dos axentes que traballan nas áreas de igualdade como unha das máis urxentes demandas".

Pola súa parte, Andrea Pousa, destacou na rolda de prensa que "é magoa que haxa quen siga pensando que é igual machismo que feminismo porque o machismo agride, viola, mata, e o feminismo pode salvar a vida".

Desde I-Topic, Sarai Rodríguez explicou a imaxe do cartaz como "un mundo a construír con mulleres de distintos tipos estéticas, sen discriminación".

Páxinas suxeridas