Estás en:Novas

Saen a licitación as obras de mellora da rede de saneamento das rúas Paz, Silva e Floreal de Cedeira

A actuación está financiada polo Plan Único da Deputación con 146.986 euros

Saen a licitación as obras de mellora da rede de saneamento das rúas Paz, Silva e Floreal de Cedeira

A Plataforma de Contratación do Estado vén de publicar o anuncio de licitación das obras de mellora na rede de saneamento das rúas Paz, Silva e Floreal, no termo municipal de Cedeira.

As obras, cun orzamento de 146.986,02 euros serán financiadas con cargo ao Plan Único da Deputación da Coruña e consistirán na renovación da rede de saneamento existente, que está nun importante estado de deterioro, e na execución dunha canalización destinada a augas pluviais, transformando a actual rede unitaria nunha rede separativa.

Antes da execución das canalizacións será necesario levar a cabo a demolición e levantado dos colectores de formigón existentes, así como o fresado do pavimento nas zonas de actuación. Substituiranse os colectores das rúas Paz, Silva e Floreal por novos colectores residuais de PVC e construirase unha nova rede de pluviais, tamén en PVC de 315 mm de diámetro.

O deseño da nova rede está condicionado pola altura dos pozos de conexión existentes e pola escasa pendente das rúas onde se levarán a cabo os traballos.

Executaranse un total de 65 acometidas domiciliarias, 50 nas rúas Paz e Silva e 15 na rúa Floreal.A nova rede de pluviais contará con 21 sumidoiros en total, con capacidade de desaugue para evitar acumulacións de auga na rúa.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 25 de marzo. O prazo de execución será de 3 meses a partir do inicio das obras.