Estás en:Novas

A Deputación da Coruña cofinancia un programa europeo de bolsas para alumnos coruñeses de FP

A Deputación da Coruña cofinancia un programa europeo de bolsas para alumnos coruñeses de FP

A Deputación da Coruña destina 15.000 euros para cofinanciar, en colaboración co Concello da Coruña, unha nova edición do programa de bolsas "AcorEuropa", destinado a alumnos de Formación Profesional da cidade herculina. O convenio entre ambas as dúas administracións foi ratificado hoxe na sede da institución provincial polo deputado responsable da área de Economía e Facenda, Antonio Leira, e a concelleira de Xustiza da Coruña, Silvia Cameán.

A iniciativa, integrada no proxecto Erasmus+ 2014-2020, permite que cada ano 10 estudantes dos diferentes ciclos formativos de FP que se imparten nos institutos da cidade da Coruña completar a súa formación durante varios meses en países como Italia, Reino Unido, Irlanda ou Portugal.

Ademais deste cofinanciamento, a Deputación participa na execución do programa ofrecendo o seu asesoramento técnico, a elaboración da documentación destinada aos alumnos/as participantes, o apoio no contacto cos organismos intermediarios e a elaboración dos calendarios de traballo.

A Deputación destaca a contribución deste programa para mellorar a formación dos mozos e mozas coruñeses de cara a facilitar a súa futura inserción laboral, así como a oportunidade que supón para a aprendizaxe de idiomas, xa que as bolsas inclúen un programa de formación lingüística e cultural de 60 horas durante o mes anterior á saída dos alumnos ao país de destino.