Estás en:Novas

Máis de cento cincuenta representantes de entidades de servizos sociais e igualdade participan na xuntanza da Deputación da Coruña

A deputada Ánxela Franco explica as convocatorias ás que a área de Benestar Social e Igualdade destina case case tres millóns de euros

Máis de cento cincuenta representantes de entidades de servizos sociais e igualdade participan na xuntanza da Deputación da Coruña

A deputada, Ánxela Franco, presentou xunto co equipo da área de Igualdade e Benestar Social, unha nova convocatoria das liñas de axuda que este ano contan cun orzamento para entidades de case tres millóns de euros. Catro liñas de servizos sociais e unha específica para promover a igualdade por parte dos concellos son as convocatorias abertas ás que poden concorrer as entidades do sector. Máis de cento cincuenta representantes das entidades participaron na xuntanza na Deputación da Coruña.

A responsábel da área da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, e parte do equipo técnico da área expuxeron na xuntanza que se desenvolveu esta mañá na sede institucional con representantes das entidades as distintas liñas de axuda de concorrencia competitiva convocadas cun orzamento de 2.520.000 € para o ámbito de servizos sociais e 300.000 na liña destinada a promover a igualdade.

Como na edición anterior na que se completou o mapa de axudas para servizos sociais, as entidades poderán acceder a apoio para programas e servizos, mantemento de centros, investimentos e servizos sociosanitarios. Na xuntanza, Ánxela Franco mostrou o apoio da Deputación da Coruña ao labor que desenvolven as entidades "para contribuír ao benestar de quen máis o precisa cun orzamento que para nós é un investimento na mellora da vida das persoas".

Dúas das convocatorias están dotadas con 800.000 € cada unha que se destinarán a ao mantemento de centros e programas e servizos en materia de servizos sociais, 600.000 € para investimentos e 320.000 para programas sociosanitarios.

Para o mantemento de centros de servizos sociais, as entidades poderán obter ata un máximo de 80.000 €, subvencionándose do 20 ao 80% do orzamento de gastos que poderá ser de 10.000 a 120.000 €. Centros de menores, ludotecas, puntos de encontro, residencias, centros de día, apartamentos tutelados, centros ocupacionais, albergues ou centros de atención social son algúns dos subvencionados mediante esta liña que contempla as áreas de familia, infancia e mocidade; persoas maiores: diversidade funcional; drogodependencias e outros trastornos aditivos e de persoas en risco ou situación de exclusión ou especiais dificultades de inserción.

Co obxectivo de manter programas e servizos en materia de servizos sociais, a área de Benestar Social subvencionará un máximo de 40.000 € por entidade para orzamentos que van de 1.000 a 60.000 €. Poderán acollerse a esta liña programas na área de familia, infancia e mocidade como atención psicosocial e intervención socioeducativa dirixidos a menores en situación de risco ou conflito social. Na área de diversidade funcional financiaranse iniciativas de transporte adaptado, eliminación de barreiras, tratamentos de rehabilitación ou respiro familiar mentres na de drogodependencias e outros trastornos aditivos apoiaranse o desenvolvemento de programas de tratamento, apoio ás familias ou inserción laboral.

Programas de formación e inserción laboral para minorías étnicas e inmigración e tamén para persoas en risco ou situación de exclusión forman parte do abano de propostas que poden acollerse ás axudas da Deputación da Coruña nesta convocatoria.

Un total de 600.000 € investirá este ano a área de Benestar Social da Deputación da Coruña para apoiar investimentos de servizos sociais de entidades sen fins de lucro con axudas que irán desde 750 a 100.000 € co que se subvencionarán desde aplicacións informáticas até infraestruturas pasando por ferramenta, mobiliario, maquinaria ou equipos para proceso de información entre outros de centros das distintas áreas do ámbito dos servizos sociais.

A Deputación convoca tamén a liña de programas sociosanitarios que nesta edición está dotado con 320.000 € que se distribuirán en axudas de entre 40.000 e 1.000 € e que contemplarán o apoio a programas de proxección comunitaria, de carácter preventivo, informativo ou formativo dirixidos a colectivos de persoas con enfermidades, aos seus familiares e a poboación en xeral e programas de apoio persoal para tratar enfermidades de persoas que as padecen ou para os seus familiares.

A deputada Ánxela Franco explicou tamén que as liñas de axuda completaranse coa publicación da destinada a adquisición de vehículos adaptados, que se convoca por segunda vez despois de que o pasado ano distribuíra once unidades para a renovación do parque móbil das asociacións do sector.

Unha liña para contribuír á igualdade

Ademais das liñas para servizos sociais, a área que dirixe Ánxela Franco convocou o programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de políticas de igualdade entre homes e mulleres e loita contra a violencia de xénero polo que as entidades poderán recibir axudas de 1.000 € a 40.000 €.

"Con estas axudas a Deputación pretende contribuír dun xeito directo e eficaz na loita contra a violencia machista e apoiar o necesario avance cara unha igualdade real e efectiva na que se teñen que implicar as institucións e a sociedade enteira", sinalou Ánxela Franco.