Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 220.000 euros para financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento

As bases foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia e contemplan unha liña para investimentos e outra para actividades.

Poderán ser beneficiarias as entidades sen ánimo de lucro da provincia que leven a cabo proxectos de cooperación internacional, axuda humanitaria e de emerxencia, sensibilización, educación para o desenvolvemento ou comercio xusto, entre outras.

A Deputación da Coruña destina 220.000 euros para financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento

A Deputación da Coruña publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases das súas subvencións para financiar proxectos de axuda ao desenvolvemento para as que destina un orzamento de 220.000 euros.

Esta convocatoria establece dúas liñas, unha para financiar investimentos e outra para actividades, dotadas con 110.000 euros cada una, ás que poderán concorrer entidades sen ánimo de lucro da provincia que leven a cabo proxectos de cooperación internacional, axuda humanitaria e de emerxencia, sensibilización, educación para o desenvolvemento, comercio xusto...

Os proxectos presentados deberán ter en conta as prioridades transversais definidas no IV Plan Director de Cooperación Galega 2018-20121, relativas á erradicación da pobreza, a equidade de xénero, defensa da sostibilidade ambiental, loita contra o cambio climático... e outro tipo de consideracións xeográficas, referentes a colectivos sociais vulnerables ou a ámbitos estratéxicos como o apoio a agricultura ou á promoción do exercicio dos dereitos sociais básicos.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou "a longa traxectoria da Deputación no apoio a proxectos de cooperación exterior, que axudan a mellorar a saúde, a educación e as condicións de vida de moitas persoas en países de todo o mundo".

As entidades participantes poderán solicitar axudas para o financiamento de actividades ata un importe máximo de 20.000 euros, mentres que no apartado de investimentos o importe máximo será de 32.000 euros. A Deputación achegará entre o 20% e o 80% do total do orzamento de gastos estimado.