Estás en:Novas

A Deputación da Coruña organiza as xornadas "Mulleres e innovación nas artes intermedias"

O día 8 e 9 de abril desenvolveranse no Teatro Colón dentro do programa "A cultura é un dereito"

A Deputación da Coruña organiza as xornadas

As xornadas "Mulleres e innovación nas artes intermedias" organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña terán lugar os días 8 e 9 de abril no Teatro Colón, dentro do programa "A Cultura é un dereito". A iniciativa inclúe un obradoiro de vídeo poesía e outro de creación dixital para o que é necesario inscribirse previamente.

A área de Cultura da Deputación da Coruña continúa co programa "A Cultura é un dereito" coa organización das xornadas "Mulleres e innovación nas artes intermedias" que terán lugar os días 8 e 9 de abril coa directora da compañía de danza e teatro Konic e tamén do directora do festival Internacional Ecoss, ecosistemas do inesperado, de Barcelona, Rosa Sánchez, como comisaria.

O programa incluirá a xornada "Elas teñen a palabra" que terá lugar o día 8 de abril e "Elas son dixitais/intermedia" que se desenvolverá o seguinte día, as dúas cun programa que inclúe mesas de debate con especialistas, instalacións e distintos espectáculos ademais de dous obradoiros para os que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse con anterioridade.

O primeiro dos obradoiros xira arredor da creación de vídeo poesía e está conducido por Belén Montero, directora de Versogramas. A sesión terá lugar o día 8 ás 15 horas e consistirá nun achegamento teórico-práctico á composición multimedia, de xénero, tecnoloxía e fala. Ao rematar, terá lugar un open lab-impro aberto ao público e conclusión de final do Obradoiro.

"Experimentación audiovisual con interfaces brandas", é o título do obradoiro de creación dixital que terá lugar o día 9 ás 15 horas impartido pola artista, investigadora e docente, María Castellanos que concluirá tamén cunha exposición aberta ao público.

As xornadas complétanse con instalacións, espectáculos e mesas de debate nas que está previsto que interveñan coñecidas artistas e profesionais como Margarita Ledo, María Ruído, Marta Pérez, Belén Montero ou Sonia Méndez.

"O programa continúa na liña dos encontros desenvolvidos desde a área de Cultura da Deputación da Coruña como as xornadas sobre mulleres e música e teñen como obxectivo contribuír á igualdade en todos os ámbitos da cultura", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

A comisaria, Rosa Sánchez, destaca que a iniciativa é "un programa de xénero, unha fiestra de visibilidade para as mulleres que contribúen á cultura da innovación tecnolóxica no marco das medias artes".

Para inscribirse nos obradoiros é preciso enviar un correo a konic@koniclab.info