Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca o nivel de concellos e profesionais no Fórum Gastronómico

O programa da área de Turismo no evento destaca pola súa calidade e innovación

A Deputación da Coruña destaca o nivel de concellos e profesionais no Fórum Gastronómico

Algúns dos mellores profesionais do grupo Coruña Cociña e A Ría da Estrela ademais dos concellos de Mugardos, A Capela, Carballo e Neda, sorprenderon no Fórum Gastronómico coa altura de produtos e elaboracións da man da Deputación da Coruña. Tanto o espazo propio da institución como o programa preparado supuxeron un grande éxito nas actividades do Fórum Gastronómico.

Cheo en todos os showcookings e demais degustacións, interese na información do espazo institucional, encontros e intercambios e gran difusión das propostas presentadas é o balance da presenza da área de Turismo da Deputación da Coruña na nova edición do Fórum Gastronómico que este martes chega ao seu fin no recinto feiral Expo Coruña.

Nesta nova edición, a Deputación contou no seu espazo con algúns dos mellores cociñeiros de Coruña Cocina e A Ría da Estrela (xeodestino Muros e Noia), representando integralmente a riqueza gastronómica do territorio ademais das propostas dos concellos de Mugardos, A Capela, Carballo e Neda.

Produtos locais e frescos cociñáronse por chefs como os prestixiosos Pepe Senande do restaurante Muradana e Caco Agrasar das Garzas, entre outros que formaron parte do programa da última das xornadas con intervencións tituladas "A cociña do mar da ría de Muros e Noia" e "Tradición", respectivamente centradas na elaboración dos seus pratos estrelas diante da grande aula Ágora.

O deseño e a actividade continua converteu o espazo da Deputación da Coruña nun dos eixos da programación do Fórum Gastronómico e un dos espazos máis visitados do evento.

"Desde a área de Turismo da Deputación da Coruña estamos moi satisfeitos doo resultado da nosa participación neste Fórum, tanto pola cantidade de xente que participou nas actividades que programamos como pola altura gastronómica da nosa oferta, o que demostra que estamos nun momento extraordinario na cultura culinaria de moitos concellos da Coruña", sinalou o deputado de Turismo, Xosé Regueira que destacou tamén a participación do grupo de cociñeiros e cociñeiras que mostraron ao vivo o nivel dunha profesión que é de especial relevancia como atractivo para un turismo de calidade no territorio.