Estás en:Novas

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña dedica o seu X Concurso de Viñetas ás mulleres migrantes

O certame conta con dúas categorías, unha de 12 a 14 e outra de 15 a 18 anos

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña dedica o seu X Concurso de Viñetas ás mulleres migrantes

A Área de Igualdade da Deputación da Coruña bota a andar o X Concurso de viñetas co lema "Sen Fronteiras", Muller e Migrante. O prazo de presentación de traballos é de trinta días contados desde a publicación da convocatoria no BOP este día 13 de marzo.

Empregar a viñeta ou tira de viñetas para reflexionar, concienciar, visibilizar e mudar mentalidades en xeral, mais de maneira especial de adolescentes, sobre a dobre discriminación e o empoderamento das mulleres migrantes é o obxectivo deste X Concurso de Viñetas que vén de convocar a Área de Igualdade da Deputación da Coruña.

As mozas e mozos participantes poderán entregar unha viñeta ou unha tira cun máximo de seis que sensibilice contra a discriminación pola cultura, etnia, relixión, nacionalidade ou calquera outra condición.

Poderán participar mozas e mozos de entre entre 12 e 18 anos, individualmente ou en grupo, cunha obra inédita e escrita en galego, sen que as participantes fosen premiadas con anterioridade.

A convocatoria achega tamén os ámbitos temáticos aos que se poden referir os traballos presentados. Por unha banda, en canto a dobre discriminación das mulleres migrantes segundo os seus códigos culturais, analizando tradicións, relacións sociais, familiares ou educación; a súa relixión, coa reflexión sobre as distintas crenzas e o seu papel social, ou a súa etnia, en especial investigando sobre as minoritarias e o papel que teñen as mulleres.

"Con esta convocatoria quérese concienciar ás mozas e mozos a través da creación de viñetas contra a discriminación das mulleres migrantes. O concurso convida, neste sentido, a reflexionar, a debater e a crear para contribuír a un mundo máis igualitario", sinala a deputada de Igualdade e Benestar Social, Ánxela Franco.

En canto o empoderamento, as viñetas poderán reflexionar sobre a participación social das mulleres migrantes na vida pública e a súa contribución á sociedade de acollida.

A viñeta poderá presentarse en formato, como mínimo DIN A5 e como máximo en DIN A4. A historia poderá estar composta por unha viñeta ou por un máximo de seis viñetas cun fío condutor.

Poderá empregarse a técnica libre e a execución do traballo poderá ser manual ou dixital aínda que terá que presentarse en soporte físico de papel, sen asinar.

Os premios consistirán nun iPAD e colección de cómics para os primeiros premios e unha tableta e unha colección de cómics para os segundos.

O prazo de admisión de obras ábrese o día seguinte á publicación das presentes bases no BOP o día 13 de marzo e péchase aos 30 días naturais.

As bases completas e a maneira de presentar os orixinais pódense consultar na seguinte ligazón:

http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/03/13/2019_0000001903.html

 

Páxinas suxeridas