Estás en:Novas

Saen a licitación as obras de ampliación da rede de saneamento de Pedroso e Outeiro, en Narón

As obras supoñen un investimento de 449.599 euros e serán cofinanciadas polo Plan único da Deputación e o Concello de Narón

Saen a licitación as obras de ampliación da rede de saneamento de Pedroso e Outeiro, en Narón

A Plataforma de Contratación do Estado vén de publicar o anuncio de licitación das obras de ampliación da rede de saneamento de Outeiro e Pedroso, no termo municipal de Narón.

As obras, cun orzamento global de 449.599 euros serán cofinanciadas polo Plan único da Deputación da Coruña e o Concello de Narón con 308.239 euros e 141.358 euros, respectivamente.

Ambos lugares carecen na actualidade de rede de saneamento, polo que as vivendas realizan o vertido de augas residuais a fosas sépticas, co conseguinte risco de filtracións destas.

A construción da nova rede de saneamento dará servizo a 129 vivendas, 103 en Pedroso e 26 en Outeiro, aínda que no proxecto non se contempla a execución das acometidas domiciliarias, que serán realizadas polo concello ou a empresa concesionaria do servizo.

As obras comprenden a demolición de pavimentos, execución e recheo de gabias, canalización con tubo de PVC de 250 mm de diámetro seguindo a caída das vías, execución dos pozos de rexistro e reposición do pavimento. O prazo de execución será de dous meses en Outeiro e tres meses en Pedroso.

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de abril.

Páxinas suxeridas