Estás en:Novas

O Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña chega a súa décima edición

O prazo para presentar candidaturas remata o vindeiro 30 de maio

O Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña chega a súa décima edición

A Deputación da Coruña abre o prazo para recibir propostas para o Premio Rosalía de Castro de Lingua que chega neste ano a súa décima edición. Galipedia, Pirilampo, AS-PG, Apego, Xabier P. Docampo , Correlingua e a Semente recibiron o galardón nas últimas edicións.

Até o vindeiro 30 de maio está aberto o prazo para presentar solicitudes para o Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña, unha iniciativa que busca recoñecer o labor de promoción e dignificación da nosa lingua. O premio conta con dúas modalidades, unha destinada a valorar persoas ou colectivos que traballen pola normalización do galego e outra específica para iniciativas para a infancia e mocidade.

"Os pasos adiante que se deron no proceso de normalización lingüística débense, en boa medida, a iniciativas colectivas e particulares que traballan por promover o prestixio e o uso da lingua e este premio quere recoñecer o importantísimo labor desenvolvido de forma desinteresada que tanto temos que agradecer", sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña.

Os premios concédense cada ano a persoas, colectivos, asociacións que destaquen pola súa traxectoria na promoción e dignificación da lingua galega ou que salienten por actividades que impliquen o espallamento da lingua galega no ano en curso. Valorarase a tarefa continuada na promoción da nosa lingua, actuacións concretas desenvolvidas ou previstas no ano 2019, campañas de información ou contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.

Ademais, no caso da modalidade para infancia e mocidade, teranse en conta iniciativas que traballen desde a perspectiva de transmisión xeracional, que fomenten a interacción entre xeracións, ou que se dirixan de maneira especial á animar o uso do galego entre a xente nova.

O premio está dotado 3.000 € en cada unha das modalidades e o prazo para presentar remata o 30 de maio.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, Avda. do Porto 2, 15006 A Coruña ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dacoruna.gal

Pódense consultar as bases na seguinte ligazón: http://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2019/03/14/2019_0000001967.pdf

Páxinas suxeridas