Estás en:Novas

A Federación Galega de Vela recoñece o apoio da Deputación da Coruña a esta disciplina deportiva

O deputado Bernardo Fernández recibiu hoxe unha das mencións especiais durante a Gala da Vela Galega celebrada esta noite na Coruña

Fernández destaca que A Coruña, a provincia española con máis quilómetros de costa, é un referente neste deporte

"Énchenos de orgullo ver o logo da Deputación nas quillas dos barcos nos que as nenas e os nenos coruñeses aprenden a navegar", afirma o deputado

A Federación Galega de Vela recoñece o apoio da Deputación da Coruña a esta disciplina deportiva

O deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, participou esta noite na Coruña na Gala da Vela Galega, a gran cita anual desta disciplina deportiva que reuniu na sede de Afundación os mellores regatistas, clubs e técnicos de vela en Galicia.

Fernández recibiu, en nome da Deputación, unha das mencións especiais entregadas durante o acto a aquelas empresas e institucións que apoian esta disciplina deportiva na nosa comunidade.

No seu discurso, o deputado destacou que os 786 quilómetros de costa da provincia da Coruña converten este territorio "nun referente a nivel nacional na práctica deste deporte" e destacou a "tradición dos deportes relacionados co mar " e a "longa traxectoria de colaboración" que a institución provincial mantén coa Federación Galega de Vela e coas decenas de clubs existentes da provincia.

"Énchenos de orgullo ver o logo da Deputación nas quillas de moitos dos barcos nos que os nosos nenos e nenas coruñeses aprenden a navegar porque os deportes constrúense dende a base", afirmou Bernardo Fernández, que destacou que "todos e cada un dos concellos costeiros da provincia acolleron nos últimos anos algunha edición dos cursos de vela da Deputación".