Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convida os concellos a participar na Feira Internacional de Turismo de Portugal á que asiste como convidada de honra

A FIT terá lugar na Guarda dos días 2 a 5 de maio

A Deputación da Coruña convida os concellos a participar na Feira Internacional de Turismo de Portugal á que asiste como convidada de honra

A Deputación da Coruña convida os concellos a participar na Feira Ibérica de Turismo de Portugal que terá lugar na Guarda dos días 2 ao 5 de maio á que asiste como destino convidado. A FIT Guarda é o evento máis importante dedicado ao turismo na Península Ibérica.

Como noutros eventos de promoción turística pero, neste caso, con especial interese, a área de Turismo da Deputación da Coruña convida os concellos a participar no espazo que abrirán na FIT Guarda. Nesta edición, como entidade convidada, a Deputación contará cun lugar máis amplo e privilexiado que abre para a promoción de produtos e servizos dos concellos ademais de poñer á disposición un autobús para o traslado até o evento.

A FIT Guarda ten como principais obxectivos fomentar o intercambio estratéxico e económico transfronteirizo, impulsando as relacións comerciais e o desenvolvemento turístico aos dous lados da fronteira. A feira está destinada a profesionais e público en xeral cun amplo programa de actividades de ocio, culturais e deportivas.

O director da FIT Guarda, Carlos Condesso, fixo público o nomeamento da Deputación da Coruña como convidada de honra no marco do encontro co deputado de Turismo, Xosé Regueira, na pasada edición de Fitur.

"A Deputación da Coruña xa participou na pasada edición da FIT Guarda e, por iso, coñecemos a repercusión e o alcance da feira e a relevancia para a promoción turística do noso territorio, de maneira especial, en Portugal", sinala o deputado Xosé Regueira

A Feira Ibérica de Turismo (FIT), organizada pola Câmara Municipal da Guarda coa intensa colaboración de Turismo de Portugal, chega este ano á súa sexta edición convertida nun evento de referencia para o sector de toda a península de maneira especial.

A FIT preséntase como o máis importante certame dedicado ao turismo dunha perspectiva ibérica e "unha oportunidade singular de divulgación, promoción, captación e desenvolvemento de fluxos turísticos e de valoración de recursos". Os seus obxectivos principais son o intercambio de coñecemento en todo o territorio e a intensificación das relacións comerciais entre operadores e axentes do sector para a promoción de produtos, servizos e recursos. Ademais da vertente profesional e de negocios, a FIT acolle numeroso público cun amplo programa de espectáculos musicais e actividades deportivas e de lecer.

A Deputación da Coruña toma o relevo de Salamanca como destino convidado nesta nova edición que decorrerá de 2 a 5 de maio no Parque Urbano do Río Diz, nun espazo que conta con 9.000 metros cadrados de área cuberta. "A designación como entidade convidada da FIT é unha noticia estupenda para a promoción do turismo de calidade polo que apostamos e prometemos aproveitar a oportunidade para a difusión dos xeodestinos da Coruña entre os numerosos axentes que cada ano convoca o evento punteiro do turismo en Portugal", sinala Xosé Regueira.