Estás en:Novas

A Deputación da Coruña conmemora o Día da Poesía coa publicación do libro de Eli Ríos gañador do González Garcés

A Biblioteca Provincial acollerá o vindeiro día 26  a proxección de "Vértice de versos" e un coloquio con Carlos Lorenzo, Yolanda Castaño e Enma Pedreira

A Deputación da Coruña conmemora o Día da Poesía coa publicación do libro de Eli Ríos gañador do González Garcés

A Deputación da Coruña conmemora coa publicación do libro de Eli Ríos Ningunha tortilla é mala, gañador do Premio González Garcés, o Día da Poesía. O vindeiro día 26 de marzo ás 17:00 a Biblioteca da Deputación acollerá a proxección de "Vértice de versos", documental de Carlos Lorenzo que participarán xunto coas poetas Yolanda Castaño e Enma Pedreira no debate posterior.

A obra"Ningunha tortilla é mala" de Eli Ríos chega ás librarías para conmemorar o Día da Poesía co libro gañador da 29 edición do Premio González Garcés da Deputación da Coruña.

O xurado composto por Vicente Araguas, Enma Pedreira, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafa Vilar e Lorena Conde, como gañadora da edición anterior, e presidido pola vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu "Ningunha tortilla é mala", de Eli Ríos, entre os 92 orixinais presentados ao concurso. A escritora convertíase así na única autora gañadora do Premio Torrente Ballester de narrativa -na edición anterior coa súa novela "Luns"- e o Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña.

O xurado destacou na obra de Eli Ríos, a existencia "dunha poesía pictórica e secuencial, case minimalista que xoga coa metalingüística" e nela atoparon tamén "humor e a retranca que, sen romper a profundidade do texto, alixeírao". "O texto ten a capacidade de conectar un mundo que vai do detalle ao universal, mediante un xogo lingüístico no que se vale dunha estética do silencio", sinalan, dunha obra que definen como "moi sensorial que podería resumirse como o relato da elaboración dunha tortilla sinestésica como metáfora do desexo".

O libro publícase cunha ilustración na capa da tamén escritora e actriz Lorena Conde, gañadora da anterior edición do Premio González Garcés coa súa obra "Entullo".

Vértice de versos

Para conmemorar o Día da Poesía, a Biblioteca Provincial organiza tamén para o martes 26 de marzo ás 17:00 a proxección da longametraxe documental "Vértice de Versos",
na que se repasa o acontecido desde os anos 90 no universo poético galego. O documental adéntrase na poesía galega e céntrase na revolución literaria dos anos 90 a través dos seus protagonistas.

A seguir do documental haberá un coloquio co propio director e as poetas Yolanda Castaño e Emma Pedreira que participarán tamén no recital posterior.

Páxinas suxeridas