Estás en:Novas

Máis de dúas mil persoas participaron na fase de diagnose do plan de igualdade "Compartimos Plan" da Deputación da Coruña

O Foro provincial convocou na sede institucional representantes de todas as comarcas para avanzar no documento final que se completará cunha guía de recursos e boas prácticas

Máis de dúas mil persoas participaron na fase de diagnose do plan de igualdade

Persoal político e técnico de concellos e representantes de entidades participaron no Foro Provincial do Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, "Compartimos plan" nunha xuntanza que pon fin ao proceso de diagnose e abre as portas á difusión das medidas e accións pola igualdade. A deputada de Igualdade, Ánxela Franco, agradeceu a ampla participación na elaboración do Plan de Igualdade que definiu como "unha ferramenta que fará avanzar no proceso de Igualdade".

Ano e medio despois do inicio do proceso para a elaboración da diagnose, a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña xuntou na sede da institución a representantes do ámbito político e técnico das institucións locais e das entidades do sector para avanzar o documento final do plan de Igualdade, "Compartimos plan" e anunciar as principais medidas que comporán un documento que se aprobará proximamente.

Na intervención inicial, a deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, agradeceu a colaboración de entidades e institucións nun proceso "en que foron trasladadas as necesidades e recursos e crear unha ferramenta que terá longo percorrido e contribuirá a dar un cambio á situación en todo o territorio da Coruña", sinalou.

Ánxela Franco explicou que a diagnose recomenda modificacións que afectarán á propia Deputación da Coruña á hora de defender a necesidade de "crear referentes claros da área e coordinar as accións coas comarcas". Entre outras medidas, anunciou que se vai crear un banco de formación e información que será útil para todo o territorio no que se difundirá unha ferramenta que atenderá as necesidades de axentes de igualdade das dezaoito comarcas da Coruña.

Pola súa parte, a técnica de Igualdade, Eva Ovenza, explicou que o Plan de igualdade, "Compartimos Plan" tiña como obxectivo "detectar necesidades e propoñer medidas para superar as desigualdades de xénero coa aprobación dun documento estratéxico e unha folla de ruta baseada na participación, a colaboración e o consenso". Neste sentido, o proceso de elaboración de diagnose contribuíu a "crear redes, xerar sinerxías e contribuír á sensibilización e concienciación".

Do desenvolvemento dos foros participativos nas comarcas elaborouse unha relación de medidas que se avaliaron na propia Deputación cun grupo interno dunhas 35 persoas para estudar a súa viabilidade cun resultado que foi posto en común no foro provincial para a súa aprobación e difusión final. O plan completarase cunha guía de recursos e boas prácticas actualizada.

124 encontros e 1.100 ferramentas participativas

No balance do proceso para a elaboración do documento final con medidas para a igualdade, a Deputación da Coruña promoveu 124 encontros no territorio coa participación de máis de 2000 persoas e o emprego de máis de 1.100 ferramentas participativas.

No foro provincial, no que participaron tamén representantes da empresa Deloga que conduciu tecnicamente o proceso, analizáronse as medidas antes da finalización do Plan de acción das políticas publicas de Igualdade de Xénero da provincia da Coruña que está previsto que se aprobe no pleno do próximo mes de abril. Previamente, nesta mesma semana, responsábeis do departamento de Igualdade da Deputación da Coruña reuniranse cos grupos políticos e sindicatos.

Páxinas suxeridas