Estás en:Novas

A Deputación da Coruña convoca a cuarta edición do certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar

O prazo de presentación de maquetas remata o 15 de outubro

A Deputación da Coruña convoca a cuarta edición do certame de música infantil e xuvenil Quero Cantar

Ata o 15 de outubro ás 14.00 horas é o prazo marcado para enviaren as súas maquetas todas aquelas bandas e solistas, infantís e xuvenís, que desexen participar na cuarta edición do certame musical "Quero Cantar" convocado pola Área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

No "Quero Cantar" naceron nas edicións anteriores algunhas cancións que conseguiron traspasar os marcos do concurso para converterse en temas de éxito entre a xente nova, repetidos en programas televisivos e radiofónicos e nun senfín de actos organizados por entidades e centros de ensino. Agora, a Deputación da Coruña bota a andar unha nova edición do certame que busca animar a cantar na nosa lingua nas categorías infantil e xuvenil.

O requisito básico para participar é que a música e a letra sexan orixinais e inéditas, e que os integrantes dos grupos se ateñan ao límite de 12 anos, para a categoría infantil, e de 13 a 16 anos para a xuvenil. Na categoría infantil admítese tamén a colaboración dunha persoa que exceda o límite de idade.

Os premios consisten en cantidades de 1500, 1000 e 500 euros en material musical para os tres primeiros clasificados en cada categoría; a gravación en estudio das cinco cancións máis votadas en cada categoría e a súa posterior edición nun disco que se distribuirá gratuitamente a centros educativos de toda Galicia. Ademais, a canción gañadora de cada categoría gravará un vídeoclip.

Coma nas edicións anteriores, o certame consta de dúas fases. Na primeira, un xurado formado por músicos e músicas profesionais determinará que cancións se inclúen no disco e que cancións deberán ser interpretadas en directo na gala final. Este evento ha ter lugar en outono no teatro Colón da Coruña. Durante a gala, un novo xurado, composto esta vez por rapaces e rapazas de idades similares ás establecidas para as categorías, será o encargado de valorar as interpretacións e determinar así a posición final das candidatas.
Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da Área de Cultura fai un chamamento ao profesorado e ás familias a que animen a rapazada a presentarse a esta iniciativa porque "como xa comprobamos nas edicións anteriores, é unha experiencia emocionante e enormemente enriquecedora". Desde o inicio do concurso, os grupos participantes mostraron o seu contento por participar da experiencia, desde a preparación previa até a actuación final pasando mesmo pola tensión do proceso de selección. "Na festa final comprobamos o ben que o pasa e como gozan defendendo as súas cancións nun certame que busca animar a creatividade musical na nosa lingua entre a xente nova", sinala Goretti Sanmartín.

Sobre os froitos das anteriores convocatorias, a responsable da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña manifestou que "están aí os discos previos, están na rede as cancións e as maquetas das edicións anteriores e estamos certas de que isto vai ir cada vez a máis. É enorme o talento por desenvolver da xente nova deste país, e estar aí para axudala é unha gran satisfacción". De feito, algunhas das cancións gañadoras de edicións anteriores supuxeron un grande impulso para o propio certame, con reproducións en programas televisivos e radiofónicos e tamén en distintas convocatorias culturais.

As persoas interesadas poden ampliar información consultando as bases na páxina web www.querocantar.gal ou contactando coa organización do certame a través das súas redes sociais. Entre as innovacións nas bases desta cuarta edición salienta o feito de que o único xeito admitido para o envío de propostas é o telemático.

Páxinas suxeridas