Estás en:Novas

A Deputación da Coruña afonda na relación de lingua e xéneros na cuarta entrega de Malas linguas

O persoal técnico dos concellos participará na xornada de análise da lingua galega desde unha perspectiva de inclusión e xénero

A Deputación da Coruña afonda na relación de lingua e xéneros na cuarta entrega de Malas linguas

A cuarta xornada de Malas linguas: activando falantes para o século XXI desenvolverase desta volta na Coruña o vindeiro venres 12 de abril. O Pazo Provincial (Avenida do Porto, 2) acollerá o encontro organizado pola área de Normalización Lingüística e Cultura da Deputación da Coruña en que participará o persoal técnico dos concellos, alumnado e público para afondar na Lingua e xéneros.

O obxectivo da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, nesta cuarta xornada do programa, que comezou o pasado mes de outubro, é seguir facendo unha análise das políticas lingüísticas, neste caso, desde unha perspectiva de xénero que afonde na relación entre xénero e usos lingüísticos, na lingua como elemento de inclusión, no feminismo e mesmo no idioma coma un lugar de encontro e acollemento. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, que será a encargada de abrir o encontro ás 9:30 horas, considera que esta xornada "nace para ser unha ferramenta interesante para eliminar o sexismo no uso da lingua, de maneira especial desde o ámbito institucional municipal, e promover a súa potencialidade para camiñar para a integración e a igualdade".

Programa da xornada

Ás 10:10 horas, contarán a súa experiencia as responsables da Libraría Lila de Lilith, un espazo compostelán de troca de experiencias e propostas culturais feministas onde o galego é de uso habitual. Xa ás 10:15 horas comezará a primeira das mesas de debate, que leva por título: O galego, unha lingua inclusiva? Participan dela a profesora de tradución da Aston University, Olga Castro; a filóloga Noemía Basanta, e a socióloga Iria Vázquez.

Logo dunha pausa para o café, ás 12:00 horas, arrincará a segunda das mesas de debate para afondar nas Políticas lingüísticas e de xénero: unha complementariedade necesaria. Toman parte a profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, Antía P. Caramés, e a activista feminista Ximena González. Pecharán as xornadas ás 13:00 horas Zinthia Álvares Palomino e Mar Lugo, dúas Afrogalegas que buscan o recoñecemento e o empoderamento das mulleres negras que viven en Galicia e que falarán, ademais, da súa relación coa lingua.

Sobre Malas linguas

Malas Linguas, segundo a vicepresidenta de Deputación, Goretti Sanmartín ,son unhas xornadas que procuran «contribuír a abrir un espazo de debate sobre as linguas e afondar na necesidade de que o Estado sexa de verdade democrático e plurilingüístico para que todas as persoas poidan vivir e traballar na súa propia lingua». Participan máis de medio cento de técnicas e técnicos municipais que traballan a diario en normalización lingüística e políticas relacionadas co galego.

A primeira xornada analizou o 23 de outubro no Pazo de Mariñán o impacto das políticas de normalización nas últimas décadas. A segunda, celebrada o 29 de novembro no Pazo provincial, abordou as consecuencias da violencia lingüística no franquismo. A terceira xornada, o 1 de marzo en Compostela, afondou sobre a transmisión non familiar da lingua e os comportamentos galegófobos nos entornos educativos. Logo desta cuarta, o programa de encontros porá o punto final en Ponteceso o 14 de maio.

Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas

Páxinas suxeridas