Estás en:Novas

González Formoso reivindica “o inmenso legado artístico, cultural e intelectual” de Luís Seoane no Día das Artes Galegas

"Galicia é un tema omnipresente no seu imaxinario, no que soubo fusionar coma ninguén fixera antes a arte galega máis tradicional e as vangardas artísticas da época", afirmou

Formoso destacou o compromiso dos creadores que, como Luís Seoane, contribuíron a manter acendida a chama da galeguidade ao outro lado do Atlántico

González Formoso reivindica “o inmenso legado artístico, cultural e intelectual” de Luís Seoane no Día das Artes Galegas

 

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reivindicou hoxe a "figura inabarcable" e o "inmenso legado artístico, cultural e intelectual de Luís Seoane, que ten a Galicia como nexo común".

González Formoso, que participou esta tarde no Teatro Colón da Coruña no acto de conmemoración do Día das Artes Galegas dedicado ao polifacético artista, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, sostivo que Seoane foi un home "renacentista" que cultivou case todos os ámbitos da creación. Pintor, muralista, debuxante, escritor, ensaísta, poeta, editor, deseñador gráfico, activista cultural e político... "Unha traxectoria poliédrica, que ten a Galicia como nexo común", afirmou.

"Galicia é o tema omnipresente no seu imaxinario, no que Seoane soubo fusionar coma ninguén fixera antes a arte galega máis tradicional e as vangardas artísticas da época. Unha Galicia que os pinceis de Luís Seoane debuxaron luminosa, con cores vivas e intensas, en contraste coa Galicia en branco e negro da época", afirmou Valentín González Formoso, que subliñou tamén "o forte matiz de reivindicación social" da súa pintura.

Para Formoso, Seoane foi "un home profundamente comprometido coa súa terra", un galego nacido en Bos Aires- a onde retornou como exiliado tras a Guerra Civil- "que contribuíu a tecer esas sólidas pontes sentimentais que nos unen con Arxentina, a quinta provincia galega".

O presidente da Deputación destacou o importante papel que Seoane xogou dende o exilio arxentino, xunto con Isaac Díaz Pardo, na creación do Laboratorio de Formas de Galicia "que supuxo a proxección ao mundo dunha nova imaxe de Galicia, baseada na interacción entre tradición e innovación".

"Como galegos é un orgullo poder dicir que os nosos devanceiros conseguiron manter viva unha identidade propia de Galicia a través desa linguaxe universal que é a arte", afirmou Formoso, que estendeu o seu agradecemento a "todos aqueles creadores que, como Luís Seoane, contribuíron a manter acendida a chama da galeguidade ao outro lado do Atlántico".

Páxinas suxeridas