Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia dez proxectos culturais pola igualdade co premio Luísa Villalta

Documentais, unha serie en youtube sobre sexualidade para adolescentes, unha escola de empoderamento ou proxectos para a difusión de pioneiras son algunhas das iniciativas premiadas

A Deputación da Coruña apoia dez proxectos culturais pola igualdade co premio Luísa Villalta

As áreas de Igualdade e Cultura da Deputación da Coruña apoian dez proxectos cun orzamento que supera os 177.000 € a través da segunda convocatoria do Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade. Documentais, proxectos para a difusión de pioneiras en ámbitos coma o científico ou o musical e mesmo unha serie de YouTube sobre sexualidade son algunhas das ideas que reciben apoio da Deputación da Coruña a través da segunda edición desta iniciativa.

Maiormente, como aconteceu na primeira edición do Luísa Villalta, son proxectos audiovisuais os que resultaron gañadores do premio con algunha iniciativa innovadora como "S.E.X. Moito máis ca unha serie sobre sexualidade" de Illa Bufarda co que se ofrecerá unha serie sobre sexualidade en YouTube ademais dun programa de obradoiros en centros de ensino ou "Ti decides: vidas interactivas" da spin-off Dimelab do grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago de Compostela.

A convocatoria contempla a realización e proxección de documentais como "Mulleres que lideran o mar" de Coop4equality Proxectos de Innovación Social, "Nación, un sitio onde pousar a cabeza" arredor das mulleres que se fixeron eco na sociedade industrial de Nós, Produtora Cinematográfica Galega, "Dorothé na Vila" arredor da musicóloga e compositora suíza que recompilou o cancioneiro popular galego Dorothé Schubert de Alejandro Gándara, "Luz Fandiño, a poeta analfabeta" de Cósmica Producións.

O catálogo de proxectos complétase co libro "Ferreñas e rock and roll" sobre anecdotario sobre músicas galegas de Laura Romero e Iria Pedreira, unha escola de empoderamento para mulleres rurais cun libro e seis obradoiros que se presentou co título "EspadELA" por Arabias S. Coop. Galega, un proxecto de encontros, espectáculo poético con libro incluído sobre as mulleres científicas de Estíbaliz Espinosa ou, finalmente, a achega do espectáculo "Invisibles" de Redrum Producións ao público dos centros de ensino medio con representacións en grandes espazos escénicos.

Nesta segunda edición, foron 49 os proxectos presentados ao Premio Luísa Villalta que un xurado composto polas deputadas de Igualdade e Cultura, Ánxela Franco e Goretti Sanmartín Rei ademais de Susana Seivane, Lucía Veciño e Isabel Risco tivo que valorar para seleccionar os dez que finalmente recibiron apoio da Deputación da Coruña.

"Na segunda edición, son xa 49 os proxectos presentados a esta convocatoria que supón unha iniciativa de especial valor para contribuír á igualdade e á eliminación do machismo desde a cultura", sinala Goretti Sanmartín que destaca a relevancia dalgunhas das ideas que na primeira edición conseguiron o apoio da Deputación da Coruña a través do Premio Luísa Villalta.

Pola súa parte, a deputada de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco, apunta que esta convocatoria "é unha das iniciativas que a Deputación da Coruña desenvolve de maneira conxunta nas áreas de Cultura e Igualdade como é tamén o Premio Begoña Caamaño ou o concurso de viñetas ademais de toda unha acción política encamiñada a igualdade de maneira transversal, tamén desde a cultura".

 

 

 

Illa Bufarda S.C

S.E.X. Moito máis que unha serie sobre sexualidade

20.000,00

 

Coop4equality Proyectos de Innovación Social

Mulleres que lideran o mar

19.602,00

Nós, Produtora Cinematográfica galega

Nación, un sitio onde pousar a cabeza

20.000,00

 

Dimelab, S. L

Ti decides: vidas interactivas

20.000,00

 

Alejandro Gándara Porteiro

Dorothé na Vila

20.000,00

Cósmica Producións S.L.

Luz Fandiño, a poeta analfabeta

20.000,00

Arabias S. Coop. Galega

EspadELA: escola de empoderamento para mulleres do medio rural

17.812,41

Baía Edicións A Coruña S.L.

Ferreñas e rock and roll. Anecdotario sobre músicas galegas

13.947,80

 

Estíbaliz Espinosa

Curiosas na lúa: cultura científica con pegada e voz de muller

6.050,00

 

Redrum Produccións S.L.

Invisibles

20.000,00

 

Páxinas suxeridas