Estás en:Novas

A Deputación apoia con 200.000 euros a creación dun centro de traballo colaborativo (coworking) centrado no sector audiovisual en Ames

Valentín González Formoso e José Miñones asinaron hoxe o convenio de colaboración

Ames súmase á Rede de Espazos de Traballo Colaborativo que a Deputación está impulsando na provincia e que conta con centros en Oleiros, Carballo, Brión e Boiro

A Deputación apoia con 200.000 euros a creación dun centro de traballo  colaborativo (coworking) centrado no sector audiovisual en Ames

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ames, José Miñones, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para a adquisición dun inmoble que será usado como espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual. Segundo se recolle no texto do convenio, a Deputación cofinanciará algo máis do 35% dos custos do local, cunha achega de 200.000€.

O acto contou coa asistencia do deputado responsable da Área de Promoción Económica e Emprego, José Luis García, e da concelleira de Promoción Económica e Atención Veciñal, María Isabel González Cancela.

González Formoso e José Miñones expresaron a súa satifacción por este acordo, que permitirá que Ames se sume aos concellos de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, onde a Deputación está impulsando a creación dunha Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo de carácter comarcal e sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas.

Así, por exemplo, o centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.

Apoio ao desenvolvemento de proxectos emprendedores

Neste novo espazo, o Concello de Ames porá a disposición de emprendedores e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para apoiar o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para acoller as empresas nos seus primeiros pasos, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno.

O espazo servirá ademais para que profesionais de diferentes sectores, compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos, coñecementos e fomentar a colaboración.

Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer en práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade en xeral.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e comarca.