Estás en:Novas

Valentín González Formoso recibe a Asociación de Afectados polas Infraestruturas de Cambre

A entidade demanda a liberalización da peaxe no enlace da AP-9 coa Vía Ártabra e dun compromiso de conexión da N-VI /AP-9 coa autovía A-6

O presidente da entidade, José Pallas, considerou que a planificación actual "supón un agravio que converte os veciños da comarca coruñesa en cidadáns de segunda en comparación con Santiago ou Vigo", que hoxe contan con infraestruturas de circunvalación gratuitas

Valentín González Formoso recibe a Asociación de Afectados polas Infraestruturas de Cambre

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá a Asociación de Afectados polas Infraestruturas de Cambre, que solicitaron o apoio da institución provincial ás dúas demandas de liberalización da peaxe no enlace da AP-9 coa Vía Artabra e dun compromiso de conexión da N-VI / AP-9 coa autovía A-6.

A reunión enmárcase na rolda de contactos que a entidade, con case dúas décadas de historia, está a manter coas diferentes institucións e concellos afectados pola instalación dunha peaxe na futura conexión da Vía Ártabra coa autopista AP-9.

O presidente da entidade, José Pallas, considerou que esta planificación "supón un agravio que converte os veciños da comarca  coruñesa en cidadáns de segunda en comparación con Santiago ou Vigo", que hoxe contan con infraestruturas de circunvalación gratuítas e consideran que co trazado proposto "a Vía Ártabra só dá servizo aos veciños de Oleiros-Sada que podan permitirse pagar unha peaxe varias veces ao día para chegar á Coruña".

Dende a asociación cambresa consideran "unha barbaridade económica" que se faga "un investimento público millonario para dar entrada a unha autoestrada de peaxe". e denuncian o incumprimento do Plan sectorial viario, aprobado pola Xunta de Galicia en 2004, que establecía a Vía Ártabra coma elemento vertebrador da área metropolitana e contemplaba a liberalización das peaxes na zona.

Os responsables da entidade demandaron que o Goberno provincial leve ao pleno unha moción en apoio das súas demandas.