Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe a Celsa Díaz Cabanelas como Republicana de Honra

Goretti Sanmartín destaca o papel das mulleres na historia da Coruña e a necesidade de recuperar a súa memoria histórica

A Deputación da Coruña recibe a Celsa Díaz Cabanelas como Republicana de Honra

A Deputación da Coruña abriu o seu salón de plenos para recibir a Celsa Díaz Cabanelas , recoñecida este ano como Republicana de Honra pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, destacou na súa intervención o papel, silenciado, das mulleres na historia e da longa traxectoria de compromiso de Celsa Díaz Cabanela.

Nun acto en que participaron representantes dos distintos grupos presentes no pleno da Deputación da Coruña -Bernardo Fernández e Antonio Leira do PSdG-PSOE, Goretti Sanmartín do BNG e Rocío Fraga e Claudia Delso de En Marea- a vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei presidiu a recepción oficial no salón de plenos a Celsa Díaz Cabanela e destacou o papel das mulleres na historia e a necesidade de recuperar a súa memoria.

Desde a figura de María Pita até a actualidade, pasando polas mulleres anónimas da Fábrica de Tabacos que protagonizaron a primeira folga de mulleres na historia de Galiza ou as mulleres das Irmandades da Fala, como María Miramontes, Amparo López Jean, Elvira Bao ou María Barbeito. "Son mulleres que sabían que o ensino as facía libres e que era a mellor ferramenta de transformación social", sinalou.

Goretti Sanmartín destacou a necesidade de recuperar a memoria das mulleres e, en especial, das que padeceron a represión fascista e tamén as que loitaron pola defensa dos dereitos e as liberdades públicas como a falecida recentemente Pencha Santasmarinas ou a propia Celsa Díaz Cabanela. "As mulleres foron tamén moi importantes na loita antifranquista, como guerrilleiras e tamén exercendo de canle de comunicación entre o interior das cárceres e o exterior, facendo de caixa de resonancia para denunciar a situación de centos de presos e presas, colaborando na distribución de propaganda e integrando redes de solidariedade para fortalecer a loita clandestina contra o franquismo", sinalou Goretti Sanmartín.

"Hoxe temos aquí outra muller comprometida coa causa das liberdades desde os 15 anos, unha muller que sendo aínda unha adolescente coñeceu a cara da represión franquista, primeiro na comisaría da Coruña e pouco despois no cárcere", dixo a vicepresidenta da Deputación de Celsa Díaz Cabanela de quen destacou o seu compromiso social e político que mantén até a actualidade.

Na súa intervención, Celsa Díaz Cabanelas lembrou a orixe de compromiso da súa familia, de seu pai aviador republicano, profesor e químico represaliado e da súa nai e mesmo da súa irmá Victoria, tamén detida nos anos sesenta e torturada. "A República está no meu ADN", dixo arredor da súa traxectoria de compromiso político e social que a levou a vivir momentos durísimos como cando, despois de comezar a súa militancia nas Xuventudes Comunistas, foi detida e tivo que presenciar a tortura dos compañeiros por orde da garda civil. "Eramos activistas, con moitas inquedanzas", explicou.

Celsa Díaz Cabanelas destacou que, despois daquela loita, chegou "a arma de destrución masiva, a heroina" que a levou a se comprometer no Comité Anti-Sida que na actualidade preside.