Estás en:Novas

A Deputación adxudica as obras da estrada de Betanzos a Paderne e conectará ambos os dous concellos mediante unha senda peonil

A institución provincial investirá preto de 200.000 euros neste proxecto, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na DP0905

A Deputación adxudica as obras da estrada de Betanzos a Paderne e conectará ambos os dous concellos mediante unha senda peonil

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 185.511,39 euros as obras para mellorar a seguridade viaria na DP0905 de Betanzos ao límite da provincia, que consistirá na ampliación da plataforma do vial e na execución dunha senda peonil.

Os traballos, incluídos no Plan de Sendas Peonís da institución provincial, afectarán ao tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+650 e 2+080, correspondentes aos termos municipais de Betanzos e Paderne.

Esta estrada, que constitúe a principal conexión entre ambos concellos, ampliarase pola súa marxe esquerda, ata lograr unha calzada de 7 metros de ancho, beiravías de 0,5 metros e unha senda peonil de 2 metros, que estará separada da estrada mediante un bordo de formigón.

O novo camiño conectará as beirarrúas existentes no inicio da estrada provincial na rúa Mandeo de Betanzos, coas do núcleo de Orbe, xa en Paderne, que conectan á súa vez co centro da capital do concello. Polo tanto, a senda permitirá que os veciños da zona se despracen a pé con seguridade tanto de Betanzos a Paderne como entre as diferentes vivendas e servizos que se atopan nas inmediacións, sen necesidade de invadir a calzada.

Os traballos financiados pola Deputación terán unha duración aproximada de 6 meses e tamén inclúen a execución dun colector e unha rede de sumidoiros para facilitar a  drenaxe das augas pluviais e mellorar así a seguridade da estrada en caso de choiva. Así mesmo, realizarase unha canalización subterránea para posibilitar que, nun futuro, se soterren as conducións eléctricas do alumeado.

Páxinas suxeridas