Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora coa FIC e aposta por un rural vivo en Santiago de Compostela

A Deputación da Coruña colabora coa FIC e aposta por un rural vivo en Santiago de Compostela

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participou esta maña na rolda de prensa de presentación dunha nova edición da Feira Internacional da Economía e Cultura Rural e Alternativa FICRural en Compostela e defendeu a necesidade dun "rural vivo, con oportunidades de futuro e integrado plenamente no concello, cos mesmos servizos e dereitos". Na rolda de prensa participaron tamén a concelleira Marta Lois, o concelleiro Rafael Peña e o coordinador do programa, Aser Álvarez.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou na súa intervención a condición rural de Santiago de Compostela, a quen Otero Pedrayo chamaba a "aldea máis grande de Galiza" e mostrou unha fotografía de Ksado na que se ve un rapaz cunhas ovellas coa catedral de fondo. "Son exemplos desa condición rural do concello e da vinculación da cidade coas aldeas que agora está moito máis desfeita e da que quedan sinais como as que mostra a exposición de Manuel Blanco sobre as mulleres da praza", comentou Goretti Sanmartín na presentación da FICRural que a Deputación da Coruña apoia cun financiamento do 80% do seu orzamento total.

"Desde as administracións, e esa é a aposta da Deputación da Coruña, temos que contribuír a fixar poboación, a dar servizos e promover un desenvolvemento sustentábel con propostas innovadoras, non podemos asistir ao esmorecemento do rural de maneira impasíbel e non podemos ver o mundo da aldea desde a nostalxia senón desde as posibilidades de futuro", dixo Goretti Sanmartín.

O obxectivo é, segundo sinalou, "conseguir que a xente non marche do rural, aproveitar as oportunidades que existen, a Universidade de Santiago que pode facer propostas de novos cultivos, empresas innovadoras e novas fontes de ingresos. Precisamos un monte ordenado e un rural vivo". Apuntou ademais a necesidade de maior comunicación co rural do concello "infelizmente descoñecido para moita xente que vive na cidade".

Tres eixos temáticos

A feira agruparase en tres eixos de actividades, como son FICRural Visión, FICRural Feira e FICRural Xogo. No primeiro deles preténdese mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Así, desenvolverase a quinta edición do Festival de Cine Carlos Velo, ao que se presentaron xa máis de 200 traballos e desenvolveranse actividades como obradoiros de cine, encontros ou xincanas fotográficas, co cancelo #FicRural.

Na segunda delas, FICRural Feira, crearase un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, compartindo experiencias con actores públicos e privados, estatais e internacionais, e xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e doutros concellos da provincia da Coruña.

Coa terceira proposta preténdese divulgar o patrimonio lúdico galego, socializalo e levar as escolas os xogos tradicionais, como alternativa de ocio aos xogos actuais. Nese sentido desenvolveranse tamén roteiros e andainas no rural e accións que pretenden que os escolares de Compostela coñezan o patrimonio rural de Compostela. Así, os días 2, 3 e 6 de maio coñecerán as parroquias do "lonxano oeste" de Santiago como Laraño, A Peregrina e Santa Cristina de Fecha. 

Máis información: http://www.ficrural.gal/