Estás en:Novas

A Deputación da Coruña investirá 1,4 millóns de euros na segunda fase da ampliación da estrada DP 5602 Negreira-Pontenafonso

O investimento vén de ser aprobado por unanimidade na Comisión de Vías e Obras e recibirá a luz verde definitiva no pleno do próximo venres

A segunda fase da ampliación da estrada de Pontenafonso ampliará a 7 metros o ancho do vial dende o quilómetro 6,1 ata a ponte de Barbazá

A Deputación da Coruña investirá 1,4 millóns de euros na segunda fase da ampliación da estrada DP 5602 Negreira-Pontenafonso

A Deputación da Coruña investirá 1.440.826,74 euros nas obras de ampliación e mellora dun segundo tramo da estrada provincial DP-5602 Negreira-Pontenafonso.

As obras, que veñen de ser aprobadas por unanimidade na comisión de Vías e Obras e serán referendadas definitivamente polo pleno provincial este venres, 26 de abril, contan cun orzamento de 1.266.128,78 euros, ao que hai que sumar os 174.697,96 euros que se reservan para as expropiacións necesarias para levar a cabo os traballos.

Suporán a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

A Deputación xa acometeu, entre 2008 e 2010, obras de ensanche e mellora nos seis primeiros quilómetros desta estrada, pertencentes ao termo municipal de Negreira, por un importe de 1,23 millóns de euros. Estes traballos incluíron o ensanchamento da plataforma, a construción de beirarrúas nos primeiros 500 metros e de variantes que melloraron notablemente o antigo trazado, eliminando os puntos máis sinuosos e facéndoo máis seguro.

O obxectivo desta segunda fase é facer o vial máis seguro para os numerosos vehículos que circulan cada día por el e adaptar o ancho da plataforma ao xa executado nos primeiros seis quilómetros.

Páxinas suxeridas